Alexandra Fernández nun acto de campaña de En Marea // Imaxe: http://congreso.enmarea.gal

Só a deputada Alexandra Fernández vota o ditaminado pola dirección de En Marea

O distanciamento de Podemos e Esquerda Unida e, á vez, a fragmentación de Anova quedaron patentes hoxe na votación dos orzamentos presentados polo Goberno de Pedro Sánchez.

Dos cinco deputados que ten a formación só unha, Alexandra Fernández (Anova), votou o recomendado pola dirección. Yolanda Díaz (IU), Antón Gómez Reino (Podemos), Ángela Rodríguez (Podemos) e Fernán Vello (Anova) votaron a favor dos orzamentos, malia que estes non contemplaban os puntos da Axenda Galega do Cambio e malia a encendida alocución da portavoz de En Marea, Yolanda Díaz antes da votación.

A propia ministra de Facenda, María Jesús Montero, dixo sentirse “sorprendida” polas críticas de Díaz ao mesmo tempo que sostivo que non se pode “antepoñer” cuestións como a territorial á “recuperación de dereitos”. Nesta mesma liña a socialista remarcou que o esencial eran “as becas ou a dependencia” e sostivo que é preciso “revisar as inversións territoriais” pero “nun futuro”.

Montero xustificou a baixada orzamentaria para Galicia no feito de que a comunidade estivo sobrefinanciada segundo ela nos ultimos anos e non recibe xa máis financiamento para o AVE ou os estaleiros.

Con todo, finalmente catro dos deputados (incluído o nacionalista Fernán Vello) de En Marea sobrepuxeron a disciplina de voto de Unidos Podemos á do seu propio espazo, En Marea.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies