Antón Sánchez, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz durante un acto de campaña // Imaxe: http://congreso.enmarea.gal

Gómez-Reino fai estoupar a confluencia en Galicia

Pretende unha coalición que rompa a confluencia e que impida ás persoas que non sexan militantes de partidos participar nas decisións.

Dende que Antón Gómez-Reino chegou á secretaría xeral de Podemos Galicia son moitas as frontes que se abriron ao seu redor. Primeiro na formación morada, onde se fixo co control da dirección nunhas eleccións nas que se enfrontaba a Carolina Bescansa e que estiveron cargadas de polémica.

Unha vez conseguido o posto de secretario xeral, fixou o seu obxectivo en facerse co control da confluencia en Galicia e tomar o control de En Marea.

Alá polo mes de novembro, Gómez-Reino, dirixiu unha misiva ás persoas inscritas en Podemos Galicia na que indicaba que Podemos debía “seguir traballando dentro do espazo do cambio no país e, en particular, no Partido instrumental de En Marea, entendendo que Podemos ten que asumir un papel central, ampliando o espazo de unidade popular”.

Naqueles momentos, Antón Gómez-Reino tiña interese en facerse co control dos órganos de En Marea e apelaba a que “para liderar o espazo do cambio galego hai que participar tamén nas eleccións de órganos do partido instrumental de En Marea. O manterse á marxe do proceso desactiva a nosa capacidade no mesmo, arrástranos a unha esquina do espazo e imposibilita mostrar o noso peso e a correlación de forzas dentro do mesmo”. O interese de Gómez-Reino radicaba en marcar a “folla de ruta política para marcar o futuro do espazo, así como as súas liñas de actuación”.

De defender o espazo a rachalo en catro meses

Gómez-Reino apelaba ás inscritas de Podemos Galicia a implicarse para facerse co control de En Marea: “Somos moitas e moitos, e temos que implicarnos para reflectilo nos órganos do partido instrumental de En Marea” e, daquelas, insinuaba que a fórmula de concorrencia a decidirían as persoas inscritas. Naquel momento indicaba que se ben nas municipais e europeas a fórmula sería a de coalición; nas estatais “a fórmula será, como sempre, a que decidan as inscritas. O gañar este proceso interno de EN MAREA deberá sentar as bases para a reformulación do espazo. A aposta de Podemos Galicia ten que ir nesa dirección“.

O resultado das eleccións en En Marea arroxaron un resultado onde Gómez-Reino perdeu por unha diferenza de votos de case un 33% facendo que se esquecera das súas propostas e que fosen substituídas por outra de signo contrario ás que propugnara catro meses antes.

As inscritas de En Marea indicaran que a adscrición individual era sagrada e que a fórmula de presentarse mediante un partido instrumental era precisa para acadar o obxectivo de ter un grupo parlamentar galego. A militancia de Podemos Galicia, a día de hoxe, non foi consultada sobre a fórmula de presentación ás eleccións estatais e, fontes próximas ao consello cidadán galego indican que non van ser consultadas a non ser que a presión sobre o secretario xeral aumente considerablemente.

Emenda á totalidade do descurso seguido ata agora

Con este panorama o secretario xeral de Podemos Galicia ten en mente completar unha viraxe de 180 graos e, de feito, a formación ven de mandar unha nova misiva ás súas inscritas onde indica que o seu obxectivo é “tecer unha alianza electoral en forma de coalición, enmarcada na alianza confederal e plurinacional do conxunto de actores do cambio do Estado” situando os fitos da confluencia no “construído en decembro de 2015 e xuño de 2016” e obviando absolutamente a asemblea de xullo de 2016 na que naceu o partido instrumental En Marea onde el mesmo chamara a superar as “dinámicas de partido” e supeditalas “aos intereses comúns da cidadanía galega.

 

Documento de novembro

 

Documento de marzo

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies