Eva Solla e Pedro Ocampo, reunidos coa Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, coñeceron a existencia de estratexias de remediación do chan, así como técnicas e proxectos para eliminar o lindano // Imaxe: Esquerda Unida

A desidia da Xunta ante a contaminación por lindano no Porriño

Unha delegación de Esquerda Unida reúnese coa Comisión Europa e denuncia a desidia da Xunta ante a contaminación por lindano no Porriño.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Pedro Ocampo, concelleiro de EU Son Porriño, xunto a europedutado Javier Couso, estiveron reunidos esta mañá con Humberto Delgado Rosa, representante da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, en Bruxelas, coa fin de trasladar a problemática da contaminación por lindano.

“Hoxe trasladamos a nosa preocupación á Comisión Europea (CE) porque as autoridades competentes non se poñen de acordo en tomar medidas respecto ao problema do lindano”, explica Eva Solla, que sinalou que “existen medios dispoñibles para que as comunidades autónomas planifiquen estratexias de remediación do chan, incluso hai técnicas e proxectos para eliminar o lindano, algúns en experimentación, e polos que a Xunta de Galicia non se interesou”. Solla tamén indicou que “tamén nos informan de que é a Xunta a administración competente a que ten que tomar a decisión e, a partir de aí, pode obter apoio para fondos europeos de planificación e retirada de lindano, tal e como se está a facer en outras comunidades como Aragón”, que padece unha problemática similar.

Ante esta actitude do goberno galego, Eva Solla fai fincapé en que demandará á Xunta medidas ao respecto “para protexer a saúde das veciñas e veciños do Porriño, e do resto de concellos afectados, que chegan case a Portugal”. Pola súa banda, o concelleiro de EU Son Porriño, Pedro Ocampo, valora de “produtiva” a reunión desta mañá, aínda que tamén lamenta que dende as administracións non se fixera ningunha petición, en aras de solventar isto, a Europa. “Foi por esa desidia que non se puido actuar, pese a poder obter financiación e tecnoloxía novidosa para a remediación do lindano”.

Dende Esquerda Unida denuncian así “a desidia da Xunta, que non ten feita ningunha actuación efectiva para eliminar os residuos de lindano, e instamos a que se implique, apelando ás institucións europeas, para paliar este problema ecolóxico e sanitario, tal e como fixeron outras zonas do Estado como Aragón”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies