Carmen Santos e Luis Villares durante unha comparecencia // Imaxe: https://enmarea.gal

Carmen Santos desvela un pacto que recoñecería a Podemos como partido autónomo dentro de En Marea

A ex secretaria xeral de Podemos en Galicia publicou un post no seu perfil de Facebook no que indica que “en dita Mesa impulsada por Compostela Aberta, participei dende o inicio eu mesma como Secretaria Xeral e participou a anterior dirección, para que se nos recoñecese por fin como partido político autónomo en dito espacio”.

A mesa da confluencia da que fala Carmen Santos foi convocada por Martiño Noriega, e nela participaron tamén Anova, Esquerda Unida, Compostela Aberta e Marea Atlántica. Nesas xuntanzas fraguouse un pacto que teñen previsto que desemboque nunha candidatura conxunta impulsada polas direccións dos partidos políticos.

Carmen Santos fala tamén de que “hai unha posibilidade de participar como Podemos, sumándonos a xente que xa participaba de forma individual” o que implicaría un status especial para a súa organización rachando coa adscrición individual coa que naceu o espazo.

Isto poría en perigo a organización rupturista xa que a maioría dos inscritos que participan fano a título individual independentemente de que pertenzan a un partido político ou non e os textos da asemblea constituínte de En Marea así o recollen.

Carmen Santos indica que quere que “se reconstrúa ou refunde En Marea” e avanza que “Creo que si hai parte os nosos aliados que nos recoñecen como partido autónomo para participar dentro de En Marea, é o momento de participar” e solicita inscricións na formación confluínte.

A situación de En Marea

Carmen Santos negara ter sido inscrita da formación en múltiples ocasións e negouse a participar nela e a render contas ante os inscritos da formación pola que foi elixida. Esta actitude tamén foi imitada por algúns deputados do grupo parlamentario de En Marea no Congreso que no último plenario negáronse a render contas diante da súa militancia coa excepción de Alexandra Fernández que o fixo a título individual.

Esquerda Unida, pola súa banda, tampouco estaba a participar no partido instrumental e incluso chegou a calificalo de “partido ornamental” pero todo isto parece que está a mudar segundo o difundido no día de onte por Carmen Santos.

A situación de En Marea complícase por momentos e o seu futuro podería ser decidido por militantes de partidos que nunca antes estiveron inscritos nin participando da formación pero que agora, cun desembarco organizado dende as direccións, poderían tomar o mando.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies