Feijoo, CCOO e UGT minten nos medios sobre a carreira profesional
A CIG ven de denunciar que Feijoo, CCOO e UGT “despregaron artillería mediática para vender un pacto da vergoña sobre a carreira profesional”.
A través dun comunicado, dende a CIG veñen desmentir as declaracións de Feijoo e os sindicatos amarelos, que consideran “mentira tras mentira”, pois aseguran que fronte as declaracións de que “a carreira profesional se lle vai aplicar a 21.500 empregados públicos”, dende a CIG indican que “deses 21.500 empregados públicos, só se lle vai aplicar a carreira profesional a 8.395 funcionarios de carreira”, quedando fora “1.147 funcionarios interinos, que so poderán acceder ao grao I da carreira profesional como pronto no 2024, xa que terán que agardar cinco anos, e non van poder acceder nunca ao resto de graos da carreira profesional”. Quedan fora tamén o persoal laboral temporal e indefinido, “case 5.000 persoas, que non van entrar na carreira profesional” mentres que das 5.681 persoas do colectivo de persoal laboral fixo, “só os que opten por funcionarizarse e aproben van poder cobrar os importes da carreira profesional”.
Dende a CIG conclúen que “esta suposta mellora só vai ser aplicada a menos da metade das persoas que din UGT, CCOO e Feijoo”.
Tamén desminten que “a carreira profesional implica unha suba de 800,12 euros pra todo o persoal”, pois “os 800,12 euros brutos anuais non son nin o que vai cobrar o todo o persoal nin a media. É o que vai cobrar o persoal do subgrupo A1”. Dende o sindicato aseguran que se se compara co modelo de carreira profesional do Sergas, “as contías son a metade”.
Refiren dende a CIG “non podemos admitir un modelo de carreira profesional que como mínimo non sexa como o do Sergas, tanto en retribucións como no referido ao ámbito do persoal que abrangue, xa que no Sergas se aplica a todo o persoal estatutario, funcionario e laboral, de carreira, fixo, interino, temporal e indefinido”. Aseguran rexeitar especialmente “as mentiras dos asinantes do pacto da vergoña para vender ese acordo”.
📣📣 A carreira profesional nos medios: Feijoo, CCOO e UGT minten. nin vai ser para 21.500 empregados públicos, nin van cobrar 800,12 euros/anuais.
🔗 Máis info: https://t.co/ngN1ASa5Ph https://t.co/ngN1ASa5Ph
— CIG-Autonomica OU (@CIGAutonomicaOU) January 11, 2019