Concentracións feministas contra as propostas de Vox

Miles de persoas concentráronse en Galicia na defensa dos dereitos das mulleres fronte ao avance da ultradereita.

O pasado martes houbo multitudinarias concentracións en 11 localidades galegas convocadas tralo pacto político en Andalucía entre PP, Ciudadanos e Vox. O obxectivo das protestas era defender os dereitos das mulleres e esixir que “non se dea nin un paso atrás na loita feminista” ante a “choiva de falacias da ultradereita”.  

As concentracións remataron coa lectura dun documento que, no caso de Ourense, estaba apoiado por máis de 35 asociacións en defensa do feminismo, sindicatos e partidos políticos, no que se facía un chamamento a “tomar conciencia” e “saír á rúa para deixar claro que os dereitos das mulleres son intocables”.

Nas protestas rexeitáronse os recortes en igualdade e proclamouse que as mulleres non están dispostas a “quedar mudas”, pois “non hai pacto posible con aqueles que defenden as pretensións dos violentos”. “É bochornoso”, aseguraron “que neguen a realidade cando só un 30% dos casos de violencia machista se denuncian en España, e dun total das 1,2 millóns de denuncias presentadas entre 2009 e 2017, só 96 resultaron falsas”, segundo datos da Fiscalía Xeral do Estado.   

Defenderon tamén que a igualdade “non se vende” e que os dereitos das mulleres “non se negocian”, á vez que rexeitaron a equiparación da violencia doméstica coa violencia machista, pois segundo explicaron, isto supón “negar o seu carácter estrutural e minimizar intolerablemente o milleiro de vítimas mortais rexistradas dende 2003”.  Na lectura do manifesto, tamén aseguraban que “a ultradereita non se quere afastar da ideoloxía patriarcal. Parece que o seu triunfo dependerá de afastarnos do escenario político-social devolvéndonos ás cociñas”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies