Imaxe: Twitter Parlamento Galicia

Feijoo trata de descualificar as protestas pola sanidade

Durante o pleno do Parlamento de Galicia, Feijoo, en diversas ocasións, tentou descualificar as protestas e mobilizacións pola sanidade.

O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acusou ás formacións da oposición de defender “políticas sanitarias bolivarianas” e de facer o “ridículo parlamentario” durante a sesión de control ao Goberno, despois de que os representantes dos tres grupos, En Marea, PSdeG e BNG, cuestionaran os recortes no Sergas.

Feijoo aferrouse a que as cuestións prantexadas polos grupos xa foran abordadas na comisión de investigación da sanidade, afeando que a oposición organizase unhas xornadas alternativas. Tachándoa de “comisión bolivariana”. Feijoo asegurou, pola comisión alternativa que “non había nin preguntas nin réplicas”, asegurando que o obxectivo da oposición é “denigrar a sanidade pública sempre teñen ocasión e burlarse do lexislativo”.  

O voceiro de En Marea, Luís Villares, aludiu na súa intervención ás dúas “multitudinarias manifestacións convocadas no último mes en Vigo e en Santiago, en defensa da sanidade pública,” xa que, segundo asegurou, “Galicia vive nunha situación de verdadeiros malos tratos sanitarios pola Xunta, non só aos profesionais, senón ao conxunto da cidadanía”.

Respostando a Feijoo sobre a comisión alternativa, Villares recriminoulle que En Marea non participou “porque o PP vetou de forma maliciosa a comparecencia de xente que era esencial para saber que estaba a ocorrer coa sanidade pública”.

Ana Pontón, voceira do BNG, cualificou a Feijoo como “unha especie de Terminator” da sanidade pública, “empeñado en facer deste servizo un negocio para empresas amigas”, polo que o instou a convocar as 6.067 prazas que, segundo as súas estimacións, hai vacantes no Sergas. Pediu tamén “un plan de choque en Atención Primaria dotado de 2.000 millóns de euros”.

Leiceaga, voceiro do PSdeG, celebrou que o goberno autonómico “por fin comece a rectificar” as súas políticas, aludindo ao contrato anunciado pola Consellería de Sanidade de entre un e tres anos para médicos de familia e pediatras, e criticou que “Galicia está a unha distancia sideral doutras comunidades en materias como o número de médicos por habitante”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies