Imaxe: http://www.pp.es/

PP e Ciudadanos manifestaranse conxuntamente coa extrema dereita

O líder do PP, Pablo Casado, contactou co de Ciudadanos e o de Vox para acudir xuntos o domingo a unha concentración.

PP, Ciudadanos e Vox acudirán conxuntamente á concentración convocada o domingo “contra a traizón de Pedro Sánchez por aceptar a figura dun relator na mesa de partidos sobre Catalunya”.

O PP pediu autorización á Delegación do Goberno para unha concentración na Praza de Colón de Madrid este domingo ás 11:00h co obxectivo de que “os españois expresen a súa repulsa e rexeitamento á decisión de Pedro Sánchez de aceptar un relator na mesa de partidos”. No escrito remitido, o PP sinala que “aceptar a presenza de negociadores en relación coa Generalitat de Catalunya supón un feito inédito e sen precedentes na democracia que xera un fondo malestar no conxunto dos españois”.  

Casado asegurou que vai establecer contactos con todos os partidos políticos “para tentar reter este escarnio a España”, afirmando que “o que ten que facer Sánchez é convocar eleccións”. Cuestionado sobre o tema, non descartou “poder empregar outros mecanismos parlamentarios que ofrece a constitución”, en alusión a unha posible moción de censura, “se a presentamos é para gañala, non somos Podemos”, espetou.

Albert Rivera, no mesmo senso, convocou aos españois a manifestarse “contra as concesións que o presidente do Goberno fai ao independentismo”, suliñando a necesidade de “defender a Constitución máis alá de ideoloxías ou siglas e crear un fronte cívico que diga basta xa a Sánchez”. Ao seu xuízo, a presentación dunha emenda á totalidade ao Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2019 por parte de ERC forma parte da “trama para construír unha mesa paralela de partidos políticos ao marxe da Constitución, onde haxa unha persoa adicada a mediar nun falso conflito”.

Santiago Abascal, presidente de Vox, pide que por riba de diferenzas partidistas todos os españois vaian á mobilización, asegurando que “hai que botar este goberno traidor que está preso dos golpistas”, pois para Vox, esa mediación supón “un recoñecemento de facto da independencia de Catalunya”, espetando que “aos golpistas separatistas so hai que aplicarlles o Código Penal, a Pedro sánchez parece que tamén”.     

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies