O SLG celebra o XIV Encontro da Secretaría das Mulleres en Nigrán

Esta fin de semana, o Sindicato Labrego Galego celebra en Nigrán o XIV Encontro da Secretaría das Mulleres, co obxectivo de dialogar sobre “Corpo e Territorio”.

Os días 9 e 10 de marzo desenvolverase en Nigrán un programa de actividades que incluirá a participación da secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, para falar da mercantilización do territorio, e da activista feminista, Nanina Santos, para facer sobre a mercantilización dos corpos. Tamén, durante a fin de semana, proxectarase o documental “Benvidas ao club”, sobre o tráfico de mulleres e a explotación sexual ligadas ao Caso Carioca, no que se contará coa directora do filme, Carme PG Granxeiro; e desenvolverase unha palestra na que se coñecerán de primeira man proxectos liderados por mulleres como Fóra do Linde (tracción animal, horta ecolóxica, venda directa, etc. en Allariz) ou Monte de Vincios (xestión ecofeminista do monte en Gondomar).

Folga das labregas polo 8M

María Ferreiro, responsable da área de organización agraria, considera que está “plenamente xustificada a participación das labregas galegas, tanto no eido laboral, como no dos coidados ou no do consumo”.

No eido Laboral, asegurou “hai moitas mulleres labregas que non están cotizando á Seguridade Social e que están a ser totalmente invisibilizadas, consideradas polo sistema como simple axuda familiar”. No eido dos coidados, “están asumidos maioritariamente polas mulleres, tamén no rural, e ademais, dáse a circunstancia de que os servizos e recursos para conciliar a vida familiar e laboral son practicamente inexistentes”. En canto á folga de consumo, salientou que “somos produtoras de alimentos, pero percibimos uns prezos irrisorios por eles en comparación co que pagan polo produto final consumidores e consumidoras. Por iso, apoiamos a folga de consumo tamén, porque é necesario repensar que consumimos e de que maneira o facemos, pensar nas condicións laborais e na remuneración do traballo agrario que se agochan detrás de cada alimento que mercamos”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies