Imaxe: http://issga.xunta.gal

A CIG acusa á Xunta de Feijoo de facerlle a vida imposible ás súas traballadoras

O sindicato nacionalista indicou que a Consellería de Política Social, que publica leis de conciliación da vida laboral e familiar, a primeira en negarlle eses dereitos sistematicamente a todas as súas propias traballadoras, ata o punto que teñen que ir de xeito continuo ao xulgado para poder conciliar a súa vida laboral e familiar.

A central sindical indica que “esa mesma consellería, xunto coa de Medio Rural, basicamente eliminando un dereito fundamental, como é o dereito ao descanso, recortando a libranza semanal de 2 días a 1 día e medio e eliminando a compensación por traballar domingos e festivos, é dicir, para a Xunta de Feijoo vale o mesmo traballar un luns calquera que a noite de noiteboa ou a tarde dun domingo.”.

Dende a CIG indican que “o colmo do ataque a unha traballadora da Xunta de Galicia chega agora coa decisión do Instituto de seguridade e saúde laboral de Galicia (ISSGA). Nunha decisión sen precedentes, o ISSGA elimina a praza dunha traballadora que está adscrita á mesma por causas de saúde, é dicir, un xuíz (outra vez se ten que ir a xustiza para que a Xunta de Feijoo respecte os dereitos) asígnalle unha praza a unha traballadora porque a súa saúde impídelle realizar as funcións que viña realizando ata a data e agora o instituto que ten que velar pola saúde das traballadoras galegas amortiza a praza e obriga a esta traballadora a voltar a un posto de traballo que pola súa saúde non pode desempeñar” o que cualifican de “indignante”.

Desmantelamento do máximo organismo que vela pola saúde laboral?

Dende a CIG xa se queixaron con anterioridade polos resultados do traballo do ISSGA e para ilustraron indicaron qque “dende o ano 2014 ata o ano 2017 incrementáronse en Galiza as baixas laborais en 5000 persoas, incremento que non minguou en 2018” e engaden que “Galiza é a segunda comunidade autónoma con máis accidentes laborais”. Agora denuncian que con estes datos o ISSGA elimine 27 postos de traballo. “Pero os despropósitos da dirección do ISSGA non rematan aquí. Négase a dotar os postos de laboratorio dos pluses de toxicidade, perigosidade e penosidade, para igualalos aos demais laboratorios da Xunta de Galicia. O instituto que, supostamente, ten que velar pola saúde e a seguridade dos/as traballadores/as, négase a recoñecerlle aos seus traballadores/as o que se lle recoñece noutros laboratorios de Galiza”, engadiron.

Dende a CIG pregúntanse se “esta dirección o que pretende é desmantelar o ISSGA. Nós pensamos que o ISSGA é fundamental para os traballadores e as traballadoras deste País, polo que esiximos o cese inmediato da directora do ISSGA e que non se amorticen os postos de traballo imprescindibles para garantir a saúde laboral dos traballadores e traballadoras galegas”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies