Imaxe: Twitter Luís Villares

Villares pregunta ás cupulas de Podemos, Esquerda Unida e Anova: “Que medo hai a participar nas primarias abertas?”

Luís Villares instaba onte ás direccións de Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova a refrendar coas súas bases a decisión de reeditar a fórmula da coalición.

En rolda de prensa, Villares aseguraba que En Marea concorrerá como formación propia ás eleccións xerais para “ter grupo propio no Congreso e para que calquera inscrita poida concorrer en igualdade de condicións”, cuestionando, en relación aos líderes dos partidos que apostan pola coalición “que medo hai a participar nas primarias abertas”.

O voceiro de En Marea foi taxante ao asegurar que “non vai haber cúpulas por detrás que pacten postos de saída, en En Marea isto vano a elixir as inscritas. Quen queira unha fórmula diferente vai ter que explicar como se van a elixir os candidatos e se a xente que se partiu as costas nestes anos vai poder participar”, afeando que os socios orgánicos da formación queiran “restrinxir aos VIP” a integración das listas electorais e convidando aos tres partidos a que refrenden coas bases concorrer ás eleccións como coalición e pechar a porta a presentarse baixo o partido instrumental.

Villares sostivo que a fórmula de En Marea, articulada como unha organización de adscrición individual que permite a dobre militancia, representa unha opción de futuro que supera as tensións dos partidos para que as persoas teñan a última palabra”.   

En relación ás críticas lanzadas por Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, acusando ao voceiro de converter En Marea nun “partido clásico”, Villares respostou “considerámonos calquera cousa menos un partido tradicional. Aspiramos a ser o espazo de síntese e reproducimos a escala galega o que son as mareas municipalistas”, engadindo que “Eva Solla poderá presentarse ás primarias de En Marea, nunhas primarias de Esquerda Unida ningún de nós poderiamos participar”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies