Imaxe: Facebook Anova-Ourense

Anova-Ourense apoiará a confluencia en En Marea nos inminentes procesos electorais

A asemblea de Anova-Ourense mantivo unha xuntanza o xoves 7 de marzo na que decidían apoiar a confluencia en En Marea nos inminentes procesos electorais.

A través dun comunicado, Anova-Ourense informaba de que na xuntanza mantida o xoves, 7 de marzo, fixeron “unha análise moi crítica sobre a situación na que a dirección de Anova ten sometido á fórmula da confluencia durante estes últimos anos con continuos ataques ás decisións tomadas soberanamente polas inscritas de En Marea. Decisións nas que participaron tanto a dirección de Anova como a propia militancia do noso partido e que foron constantemente postas en cuestión pola dirección de Anova sen consultar, sequera, coas bases da nosa formación.

Tal e como sinalan, o partido instrumental En Marea creouse como fórmula de adscrición individual e para así dar voz á cidadanía non organizada en partidos políticos e dándolle todo o poder ás bases pero tamén como fórmula xurídica de cara a obter un grupo parlamentar soberano e propio. A asemblea de Anova-Ourense non entende que se poden dar pasos atrás nese plantexamento e voltar a fórmulas de coalición “onde a participación nas decisións é nula e nin sequera se pode participar na escolla das persoas que vaian ser representantes de todas nós nas institucións”.

No comunicado manifestan que Anova-Ourense acorda apoiar explicitamente o partido instrumental creado na asemblea de Vigo de 2016. “Queremos apostar por non destruír as ferramentas que tanto traballo nos costou crear e que teñen demostrado ser útiles e que o serían moito máis se as cúpulas das organizacións políticas non estivesen constantemente boicoteando o traballo que se tratou de sacar adiante”.  

Tamén, dende a asemblea de Anova-Ourense quixeron amosar o seu pesar polo pasamento do camarada Jon Sáez e transmitir, en nome de todas as compañeiras que conforman a organización, as condolenzas á súa familia, amigas e camaradas.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies