Concentración de CIG-Ensino // Imaxe: https://www.facebook.com/CIGEnsino/

O persoal docente pide dignificar a súa profesión no seu día mundial

O Persoal docente pon así o foco na imprescindible contribución que aporta a docencia aos individuos e á sociedade en xeral e reclama que se dignifique a súa profesión.

O Día Mundial dos Docentes centra este ano a súa atención no problema da escaseza de docentes cualificados no mundo.

Así o sinalaron diversos sindicatos, como ANPE (Sindicato Independente do Profesorado), dende onde aseguran que “o profesorado presta á sociedade un servizo esencial e as súas condicións retributivas, laborais e sociais non poden seguir minguadas”.

STES (Sindicato de Traballadores e Traballadoras da Ensinanza) sinalan que diversos organismos internacionais dirixíronse aos gobernos reivindicando “máis profesorado e mellor formado” para poder atender, en condicións de calidade, as crecentes necesidades de escolarización no mundo. Segundo as estimacións da UNESCO, o número de nenos, nenas, mozos e mozas sen escolarizar no mundo ronda os 264 millóns.

UGT explicou que esta xornada é a ocasión ideal para facer balance e reflexionar sobre as medidas a implementar para potenciar a formación dos/as docentes, asegurando que “a formación do profesorado debe ser cualificada, tanto a inicial como a permanente, e debe estar vencellada ás esixencias que prantexa a función docente, debendo as administracións potenciar a formación, a innovación, a experimentación e a renovación educativa”. 

A CIG tamén ten manifestado en numerosas ocasións que os recortes de dereitos en Galicia laminan a profesión docente, pois “curso tras curso ven empeorar as súas condicións laborais aumentando as horas de docencia directa, incrementando as rateos, disparando a inestabilidade laboral, sobrecargando ao citado persoal de tarefas burocráticas, etc.”.

Dende a Asociación Mundial de Educadores Infantiles (AMEI-Waece), o seu presidente, Juan Sánchez Muliterno, aseverou que hoxe “é un día máis de reivindicación que de celebración”, criticando que “a Educación Infantil, que é a base do sistema educativo, non sexa considerada como tal”.

A ONG InteRed lembrou o acceso á educación no mundo rural, esixindo “unha educación accesible (económica, física e pedagóxica), asequible (dispoñible), aceptable (relevante e pertinente) e adaptable (distancias, coñecemento das realidades locais, responder ás diferenzas individuais). 

Como ben dixo Malala, “un neno, un profesor e unha pluma poden cambiar o mundo”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies