Amigos da Terra denuncia o arboricidio na estrada OU-536

A organización ecoloxista denuncia a través dun comunicado que na estrada OU-536, ao seu paso polos concellos de Pereiro de Aguiar e Esgos están cortando polo pé árbores centenarias que, afirman, non supoñen ningún risco para a seguridade.

Aseguran que a corta polo pé destas árbores, dun “alto valor patrimonial, paisaxístico, etnográfico…”  non ten xustificación, ademais de provocar danos nas árbores lindeiras ás cortadas e estragos en paredes de pedra. 

Aseguran que é preciso conservar estas árbores “tendo en conta o valor patrimonial e paisaxístico das mesmas, ao atoparse na entrada da Ribeira Sacra”, facendo as podas precisas, de ser necesario, seguindo os criterios axeitados sinalados polos especialistas en mantemento de arborado, polo que esixen a precisa protección e coidado das árbores que aínda quedan nese “corredor arbóreo ao longo dunha estrada, un exemplo de respecto ao patrimonio arbóreo, de cultura e de sensibilidade”.

Manifestan que dirixirán escritos á Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e aos concellos de Pereiro de Aguiar, Esgos e concellos integrantes da Ribeira Sacra, pois “non poden promover a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e sen xustificación estragar e destruír o patrimonio arbóreo que integra este territorio único polos seus valores patrimoniais e naturais”. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies