CIG-Saúde denuncia eivas en diversas instalación no Hospital da Mariña

O sindicato nacionalista denuncia que a sala de Radioloxía de Urxencias leva avariada dende fai máis dun mes, eiva á que se lle engaden que o único TAC do centro hospitalario non funcione e que a sala 2 de Radioloxía non estea operativa ao cen por cen.

Para o sindicato, “este cúmulo de problemas súmase aos xa habituais no hospital a causa da progresiva perda de servizos sanitarios”, o que complica a atención sanitaria no Hospital da Mariña. A CIG-Saúde advirte das negativas consecuencias destas avarías, xa que “por unha parte supoñen unha sobrecarga para o persoal do centro e pola outra conlevan un grave inconveniente para os usuarios e usuarias, polos atrasos nos resultados das probas radiolóxicas para a diagnose”.

Ocupación ao cen por cen

Denuncian tamén que isto ocorre “nun momento no que o centro mariñao se atopa cunha ocupación do cen por cen, con todas as camas ocupadas e tendo que ingresar pacientes adultos na unidade de pediatría por falta de camas”. 

Fronte a esta situación, dende a CIG-Saúde esíxenlle á Xerencia do Hospital da Mariña que “cumpra coas súas obrigas e solucione este cúmulo de avarías nos aparellos de radioloxía para garantir unha atención de calidade”. A central nacionalista pregúntalle tamén ás persoas responsables do Partido Popular na comarca se estes son os “máis e mellores” servizos anunciados para o Hospital da Mariña.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies