Conferencia de prensa da Mesa pola Normalización Lingüística // Imaxe: https://www.amesa.gal

O 20% dos menores de 15 anos non sabe falar galego

A Mesa pola Normalización Lingüística advirte ao Consello de Europa que o Estado español e a Xunta de Galicia vulneran os dereitos lingüísticos da poboación galega en educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación, etc.

Nun relatorio sobre a situación do galego, que entregarán o vindeiro 3 de novembro en Dublín ao director do Secretariado da carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa, a Mesa pola Normalización Lingüística recolle os incumprimentos en materia lingüística por parte da Xunta e do estado en relación ao uso, defensa e promoción da lingua galega.  

No citado informe, que emprega estatísticas oficiais, informes da propia Mesa, do Consello da Cultura e da RAG, así como información recollida pola prensa, a Mesa fai unha serie de advertencias conforme tanto o estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal do galego, sinalando aspectos en educación como que “en 2014 tiñamos a cifra máis alta de menores de 15 anos que aseguraban non ser quen de falar galego (20%)”.

Do informe dedúcense aspectos destacables como que “o ensino público non garante o ensino en galego, que se mantén o decreto de plurilingüismo a pesar das recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Ministros do Consello de Europa”. Na xustiza, “a xuíces, xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a inexistencia de galego nos programas informáticos sobrecarga e provoca atrasos ao funcionariado e á cidadanía que opta polo galego”. Nos servizos públicos “evidénciase a inexistencia de formación de calidade”. Os medios en galego “son os que menos axuda reciben polo uso do galego. A TVG é a única emisora pública do Estado que non conta cunha canle específica para a mocidade”. En Galicia non opera ningunha entidade bancaria que permita realizar todos os trámites en galego. Os acordos institucionais que faciliten ou favorezan os contactos entre Galicia e Portugal continúan sendo anecdóticos.

 

Enlace ao relatorio da Mesa:

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies