Lidia Senra reclama na Comisión Europea solución para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa vivenda.
Senra ven de denunciar na Comisión Europea que unha muller de Abeledo, en cadeira de rodas, leva dende 2013 sen poder entrar e saír da súa vivenda pola subida de nivel da pista de diante.
A europedutada Lidia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas denunciou na Comisión Europea a situación de falta de accesibilidade á súa vivenda que leva padecendo dende fai moitos anos unha veciña de Abeledo (Abadín, Lugo), que ten recoñecido un grao de discapacidade do 84% e mobilidade reducida, o que a obriga a empregar sempre cadeira de rodas para desprazarse.
Como denuncia nun escrito, “a pista que pasa por diante da vivenda desta veciña foi asfaltada en numerosas ocasións, o que provocou unha constante subida no nivel da estrada, estando hoxe por riba dos 12 centímetros do nivel da entrada da súa casa, o que lle impide o acceso sen axuda”.
Despois destes anos, segue sen recibir respostas nin solucións, tanto por parte do Concello como da Valedora do Pobo e da Xunta.
Lidia Senra preguntou á Comisión Europea se non consideran que “esta situación vulnera os compromisos da Estratexia Europea sobre Discapacidade 2010-2020” e se pensan tomar medidas ao respecto.
Senra lembrou que o artigo 1 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE recolle que “a dignidade humana é inviolable. Será respectada e protexida” e que o artigo 26 establece que “a Unión recoñece e respecta o dereito das persoas discapacitadas a beneficiarse de medidas que garantan a súa autonomía, a súa integración social e profesional e a súa participación na vida da comunidade”. O artigo 21 de dita Carta prohibe toda discriminación por razón de discapacidade, polo que asegura a eurodeputada “creo que é obvio que se están a incumprir estes dereitos e que se debe corrixir sen máis demora a situación e pedir desculpas”, reclamando que as institucións galegas cumpran os compromisos da Estratexia Europea sobre Discapacidade 2010-2020, pois para ela “estamos ante un claro caso de violencia institucional e maltrato contra unha muller con discapacidade no rural”.
Reclamamos na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín, algo que non pode facer por estar en cadeira de rodas e as obras de asfaltado da pista de diante da súa casa provocaron unha subida de nivel… intolerable! https://t.co/Sp96KCBlV7 pic.twitter.com/T4JWVen7jd
— Lídia Senra (@LidiaSenra) April 9, 2019