Sen logopedia na Unidade de Atención Temperá de Burela

CIG-Saúde denuncia que a falla do servizo de logopedia na Unidade de Atención Temperá conleva que máis de corenta nenos e nenas queden sen atención.

A través dun comunicado, defenden a logopedia como ferramenta de atención á diversidade, pois encárgase da prevención, o estudo, o diagnostico e a rehabilitación das alteracións da comunicación, a linguaxe, a fala, a voz, a audición e das funcións orais asociadas (respiración, mastigación e deglución), etc. estimulación que, nos primeiros anos de vida é fundamental, xa que é nese período cando o cerebro é máis permebale.

Dende a CIG-Saúde A Mariña denuncian que “dende o 30 de outubro a Unidade de Atención Temperá non dispón de logopedia, tras confirmalo tamén con pais e nais que contactaron coa central nacionalista para denunciar a situación”. Segundo aseguran dende o sindicato, “a realidade, a día de hoxe, é que máis de corenta nenas e nenos viron interrompida esta prestación sanitaria, ou foron derivadas por profesionais do SERGAS con volante á Unidade, atopándose sen posibilidade de pedir cita”. Pais e nais alertan da man do sindicato, de que “sen a correcta atención, moitos nenos e nenas non cheguen a desenvolver o seu potencial ao máximo”. 

Dende a CIG-Saúde esixen aos organismos competentes que restitúan de maneira inmediata esta prestación sanitaria, que atendía a nenos e nenas de toda a comarca da Mariña, pois “é un dereito das crianzas e condena a moitas familias sen recursos”, xa que no ámbito privado, as sesións teñen uns custes medios de entre 20 e 30 euros á hora.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies