Comparecencia de Baltar no Parlamento de Galicia // Imaxe: https://www.davidemanzaneda.gal

Baltar presume das contas da Deputación de Ourense no Parlamento de Galicia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comparecía o pasado venres no Parlamento para dar conta dos orzamentos, cunha asignación de 82,7 millóns de euros, da entidade provincial en 2019.

Na súa intervención, Baltar destacou que a Deputación de Ourense foi a primeira institución de Galicia en aprobar as súas contas e defendeu que son uns orzamentos que a entidade “cooperadora por excelencia” elabora “para a colaboración cos concellos, mancomunidades, entidades, asociacións e colectivos, que están realizando importantes actividades para a nosa provincia en todos os campos”.

Fixo fincapé nas políticas que dende a Deputación se poñen en marcha en materias como loita contra incendios, emerxencias, medio ambiente, turismo ou as axudas á natalidade. Concluíu asegurando que a Deputación tentou levar a cabo as súas contas do vindeiro ano “facendo Ourense e facendo provincia”.  

A fiscalización da “xestión Baltar”

O deputado de En Marea por Ourense, Davide Rodríguez, lamentou que os próximos orzamentos sexan “continuistas, xa que persisten nas políticas aplicadas nos últimos trinta anos”. Asegurou que Ourense é a provincia que menos destina á acción social, defendendo que a cidadanía ourensá “merece outro tipo de políticas no que atinxe ás cuestións sociais debido ao envellecemento que temos”.  

Raúl Fernández, do PSdeG, remarcou que os orzamentos presentados por Baltar “están baleiros de contido e non atenden a importantes problemas como a caída demográfica, o despoboamento, a emigración da xente nova, etc”. Tamén afeou que “o enchufismo permanece na Deputación de Ourense”.  

Noa Presas, a deputada do BNG aseverou que “tras tres décadas de goberno baltariano, a provincia está en vías de extinción”. Lamentou tamén a “discrecionalidade” das contas, asegurando que “acaban favorecendo máis aos concellos gobernados polo PP”. 

Pola súa banda, César Fernández, do PPdeG, valorou positivamente estes orzamentos, asegurando que “as inversións reais alcanzan o 20%, favorecendo o día a día dos cidadáns”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies