EP plenary session- Minimum income for a fair Europe: a right for citizens

Lídia Senra esixe á UE a inmediata aplicación da Declaración dos dereitos labregos aprobada pola ONU

A eurodeputada galega Lídia Senra pregúntase que hai detrás da abstención maioritaria dos países da UE na votación da ONU sobre a Declaración dos dereitos labregos.

A Terceira Comisión (Social, Humanitaria e Cultural) da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou o pasado luns 19 de novembro a “Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Labregos e doutras persoas que traballan nas zonas rurais” por 19 votos a favor, 7 en contra e 49 abstencións. Este documento, que deberá ser ratificado en decembro, toma como base a Declaración dos Dereitos das Labregas e Labregos do movemento social labrego mundial La Vía Campesina (LVC), do cal o Sindicato Labrego Galego forma parte en Galiza.

A comparecencia sobre esta Declaración foi desprazada ate o último lugar da axenda de traballo, limitándose o tempo para o seu tratamento e debate, o que Lídia Senra criticou, por parecerlle lamentable “que para unha vez que se aborda nesta comisión unha cuestión relacionada cos dereitos das labregas e labregos deixemos o último minuto e non poidamos ter un debate tranquilo”.  

Na súa intervención, a coordinadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo felicitou o traballo levado adiante polo movemento labrego mundial La Vía Campesina dende o ano 2001 e as súas organizacións aliadas, asegurando que “a aprobación desta Declaración é un feito realmente importante para todo o planeta”, salientando tamén que “resulta moi chamativo que toda a UE, agás dous votos a favor e tres en contra, se abstivera na votación.  

A eurodeputada Lídia Senra salientou que agarda que “tanto os Estados membro como a UE no seu conxunto rectifiquen, asuman e implementen este texto inmediatamente. En decembro terán a oportunidade de ratificalo, e sería intolerable que a UE, que tantas veces pretende erixirse en defensora dos dereitos humanos, non secundase esta Declaración”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies