Mobilizacións en Cuntis pola deficiente atención sanitaria no concello // Imaxe: https://twitter.com/Vecinhanza

Critican o trato discriminatorio da Consellaría de Sanidade aos veciños de Cuntis

O Concello de Cuntis e maila Consellaría de Sanidade veñen de asinar un convenio para executar certas reformas estruturais no Centro de Saúde da vila.

Neste sentido Veciñanza valorou positivamente a iniciativa, pero esta non a consideran suficiente ao considerar que se trata “dun parche electoralista da Xunta de Galicia que ofrece para tratar de lavar a súa imaxe e o trato discriminatorio que mantén cos veciños e veciñas de Cuntis”. Veciñanza indica que as obras foron conqueridas pola “presión exercida por medio das mobilizacións deste ano por unha atención sanitaria digna e pola reposición do servizo de pediatría”.

O convenio en cuestión asínase por unha cantidade de 25.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia aporta tan só 12.500 € o que Veciñanza califica de “irrisorio” ao que engade que “o compromiso do Goberno Galego coa atención sanitaria no noso municipio redúcese a unha achega tan limitada que non fará posible solucionar integralmente as necesidades que presenta”.

Titularidade do centro

A candidatura criticou tamén a situación da titularidade do edificio do centro de saúde. “Foron moitas as iniciativas aprobadas no pleno municipal neste sentido, entre elas varias de Veciñanza, para que a Consellaría de Sanidade fixese co Centro de Saúde de Cuntis exactamente o mesmo que vén facendo noutros moitos concellos do País: asumir a súa titularidade. Desta maneira sería o Goberno Galego quen tería que asumir integramente os custes das intervencións de mantemento e reformas necesarias”, declararon ao que engadiron que “Veciñanza aposta pola xestión eficaz para transferir dunha vez o Centro de Saúde e que sexa o Goberno Galego, titular das competencias de Sanidade, quen se faga cargo do mantemento necesario das súas infraestruturas. Os parches electoralistas da Xunta de Galicia non resolven as carencias reais”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies