Centenario do Manifesto de Lugo

Con motivo do aniversario da Iª Asemblea Nacionalista, que tivo lugar na cidade de Lugo os días 17 e 18 de 1918, Cultura do País programa un ano máis actividades en conmemoración desta  efeméride. Nesta ocasión, por tratarse do cen aniversario amplían a programación e redobran esforzos, xuntándoos tamén a outros colectivos que teñen preparados actos para as datas referidas.

Están a difundir un logotipo específico do Centenario do Manifesto de Lugo que foi elaborado polo deseñador gráfico monfortino Breixo Lousada. A meirande parte dos actos terán lugar no Hotel Méndez Núñez. Como en anos anteriores, o sábado 17 de novembro a partir das 21:30 celebrarase a Festa Dandi, que nesta ocasión contará con varias actuacións: Duende Circo, Microefectos Dramatúrxicos, As Ramilettes e Marqués de Vilapodre DJ set. As entradas, que se poderán retirar no Lar da Cultura do País ou na Fouce de forma anticipada ou o propio día no Hotel, teñen un custo de 5 euros. Como en anteriores edicións, outorgaranse os Premios Dandi ás mellores caracterizacións coa estética dos anos vinte entre as persoas asistentes.

A plataforma Vía Galega, entidade social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza da que fai parte a nosa Asociación, ten programados unha serie de eventos o domingo 18 de novembro na nosa cidade con motivo do Centenario. A partir das 10:45 terá lugar no IES Lucus Augusti a Asemblea da plataforma, na que se aprobará a Carta de Dereitos do Pobo Galego.

Ás 13:00 diante do Hotel Méndez Núñez está prevista a celebración da ofrenda floral unitaria promovida, xa desde hai varios anos, xunto con outros colectivos da cidade, enmarcada na  Convocatoria Faraldo. Seguidamente, ás 13:30 farase un roteiro polo adarve da Muralla promovido por Vía Galega, no que se dará lectura a varios textos das Irmandades da Fala.

Ás 14:30 organizan no Lar da Cultura do País un xantar de Irmandade, no que farán un convivio entre a súa masa social. Pola tarde, ás 17:00 de novo na Sala Almirante do Hotel Méndez Núñez representarase a función ‘A lus da estrela que brila ó lexos‘, espectáculo de danza, poesía, teatro e música preparado por socios/as e simpatizantes da nosa Asociación en homenaxe aos asinantes do Manifesto de Lugo. A entrada é gratuíta. O título da función é recollido dun verso do poema ‘No Escuro’ (Vento Mareiro, 1915) de Ramón Cabanillas.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies