O alcalde, Martiño Noriega, visita xunto coa concelleira de Igualdade e os patrocinadores o interior da exposición // Imaxe: http://santiagodecompostela.gal

O Obradoiro acolle unha exposición itinerante sobre as violencias machistas

Esta instalación ten como principal obxectivo ir máis alá da campaña, e amosar a realidade das situacións de violencia contra as mulleres que se dan na nosa sociedade. A mostra, formada por un triángulo completamente negro de 1224 x 918 x 918 cm por 280 cm de alto, contén a información necesaria para contextualizar e explicar a orixe e as diferentes formas da violencia contra as mulleres.

Trátase tamén de incluír unha información detallada e rigorosa cunha metodoloxía de sensibilización activa de maneira que as persoas que se acheguen á exposición En negro contra as violenciaspoidan interactuar e afianzar unha conciencia crítica contra as violencias machistas.

Conta con material audiovisual e documentais sobre os tres anos da acción, así como material realizado por diferentes IES de Galicia contra as violencias machistas.

A instalación consta de tres partes: información, memoria e participación. Coa primeira delas trátase de transmitir de forma sinxela e gráfica, a realidade das violencias. O interior contén seis paneis de 295 x 145 cm con datos e infografías sobre a repercusión das agresións machistas.

A segunda parte, a memoria, está formada por unha peza audiovisual de arredor de media hora de duración que se poderá ver, en bucle, de 9:00 a 21:00 horas, e que está formada polos materiais que se foron xerando os tres anos da campaña.
Finalmente, a parte da participación artéllase arredor da coñecida “árbore dos desexos” de Yoko Ono. No seu día creouse co obxectivo de recoller as esperanzas da xente, unha cuestión que se retoma agora para que a xente poida incluír calquera desexo.

Neste caso son as paredes do interior do triángulo as que acollen esas reflexións, instalando un cordón de goma negro que se poderá cubrir de etiquetas onde, ademais de desexos, se poden compartir experiencias, denuncias ou frases.

Este exercicio servirá ademais de estudo das diferentes opinións que a xente ten sobre este tema. O triángulo negro de madeira está deseñado para ser itinerante e, partir do 26 de novembro, poderá ser instalado noutros concellos de Galicia que así o soliciten.

Recepción a patrocinadores 

Previamente á visita da exposición, o alcalde recibiu o director xeral de Castrosúa, Pedro J. Juan Boix; os representantes de Gadisa, Antonio Cortés e Iria Rodríguez; a coordinadora da Mesa da Igualdade de Finsa, Luz Cachafeiro González, e a responsable de comunicación da entidade, Pilar Rodríguez Castillo, así como a Guillermo Vergara, da Fundación Paideia. O rexedor quixo agradecerlles a implicación na campaña En negro contra as violencias e o seu apoio para sacala adiante.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies