Luís Villares presenta unha lista ‘sen tutelas de ningún tipo’

A lista ‘Coidando da casa’, encabezada por Luís Villares, presentouse na mañá do sábado en Santiago de Compostela.

O mal tempo con chuvia e vento e alerta laranxa non foi impedimento para que os integrantes da lista encabezada por Luís Villares realizara a presentación pública da súa candidatura ao Consello das Mareas.

A lista contén nomes moi recoñecidos na formación rupturista como poden ser o deputado de Manzaneda Davide Rodríguez, o coruñés Francisco Casal ou Paula Verao. Tamén figura na candidatura a eurodeputada Lidia Senra que non puido chegar a tempo á presentación porque viña dun avión camiño de Bruxelas. A candidatura está composta tamén por xente das principais mareas. Ramón Veras da Marea Atlántica, Adrián Dios de Compostela Aberta, Xavier Dávila da Marea de Vigo, Peque González da Marea de Pontevedra, Víctor Álvarez de LugoNovo, Ánxeles Faraldo de Ourense en Común ademais de presencia de vilas e concellos pequenos como Rianxo, Vilanova, Ames, Oleiros, Oia, Touro, Cambados, Cabanas, A Estrada, Laza ou Manzaneda.

Tamén publicitaron a web da candidatura, coidandoacasa.gal onde se recollen as propostas, documentos e argumentos a favor da candidatura e é toda unha declaración de intencións: “Unha soa En Marea. En Marea non é unha tarta que haxa que repartir. É un espazo que pertence a todas as persoas inscritas, sen distincións nin xerarquías. Somos galegos e galegas, e queremos que En Marea sexa 100% galega” e no que se pode ler tamén unha mensaxe clara, “O centro de decisión ten que ser Galicia. Non somos unha marca blanca de ninguén”, que non deixa lugar a dúbidas.

Partido instrumental ou volta á coalición de partidos

Na páxina da candidatura tamén se pode ler que “as aportacións de partidos son benvidas como calquera outra. Non toleramos imposicións” ao que engaden que “a lóxica de coalicións é incompatible cos nosos principios fundacionais” nunha clara alusión ao interese da candidatura do sector crítico de querer volver a fórmulas que non permitían a participación dos inscritos na toma de decisións se non é a través das súas propias formacións.

“Temos dereito a soñar xuntas”

A candidatura de Luís Villares inica que “Levamos moitos anos sufrindo as políticas do austericidio, a corrupción e os intereses duns poucos” polo que “Precisamos imaxinar e levar adiante un proxecto de Galicia distinta, onde ninguén teña que emigrar para ter un futuro, onde o rural e o urbano convivan e non compitan, onde todo o mundo poida sentirse parte dun soño común. E iso só podemos facelo con todas as persoas de ben traballando xuntas.”

A lista do sector crítico

Non se coñecen novidades sobre a presentación da lista do sector crítico. A lista encabezada por David Bruzos aínda non comunicou a presentación da súa candidatura pero fontes próximas a ela indican que podería realizarse o luns.

Bruzos encabeza unha lista inzada de cargos de dirección dos partidos que a impulsan. Oito persoas proveñen de Podemos (o propio cabeza de lista é amigo pesoal do actual secretario xeral de Podemos-Galicia, Antón Gómez-Reino) e a marioría forman parte da dirección da formación morada en Galicia ou sen deputados de Podemos no parlamento galego. Anova, pola súa banda, colocou a catro persoas da súa executiva na lista e algo similiar fixo Esquerda Unida con outros catro postos deixando soamente catro cadeiras a representantes das mareas municipais onde, ademais, algún deles tamén ten vinculación coas mesmas formación.

 

 

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies