O sector crítico ameaza con non acudir á constitución do Consello das Mareas

O sector crítico, liderado por David Bruzos, ameaza con plantar a constitución da dirección de En Marea ata que unha auditoría externa avale as eleccións internas

Este sábado constitúese oficialmente o Consello das Mareas, integrado por 21 persoas da candidatura Coidando a casa, encabezada por Luís Villares, gañadora das eleccións internas e 14 da candidatura Entre Todas, encabezada por David Bruzos.

Foi o propio Bruzos quen, nunha entrevista na Radio Galega confirmou a súa ausencia o sábado, ao non recoñecer os resultados das eleccións, matizando que falaba “dunha opción persoal”, inda que compartida co sector crítico con Villares.

Pola súa banda, Luís Villares, reiterou o seu chamamento á unidade, entendendo que “a resposta das persoas inscritas foi tan contundente que deixa pouca marxe ás dúbidas. O que toca agora é escoitar a mensaxe que nos mandaron e traballar. É o momento de pechar feridas” e que o resultado supoña “un punto e aparte de cara a centrarse en falar dos problemas da xente e achegar solucións”. Asegurou que lle gustaría ver este sábado “a imaxe de 35 persoas traballando conxuntamente para solucionar os problemas da xente”.

O sector crítico xa rexeitaba a actual dirección en funcións de En Marea

Os críticos sempre consideraron que o actual Consello en funcións de En Marea non era “lexítimo”, e así o demostraron en numerosas ocasións, abandonando as xuntanzas, renunciando a participar dos órganos internos e rexeitando as decisións tomadas.

O sector crítico tamén amosara a súa disconformidade ao constituírse a actual coordinadora en funcións, pois, a pesares de que daquela Luís Villares xa enfatizara que a intención foi “incluír todas as voces que forman o espazo de confluencia, dentro da coordinadora, houbo quen decidiu autoexcluírse. É unha decisión de quen o fai, pero non é que fosen excluídos, foi unha renuncia”.

Fai xa dous anos, Villares aseguraba que “a composición do Consello das Mareas e da coordinadora reflicte o expresado pola maioría dos inscritos, cuxa vontade débese respectar. Xa non hai partes, xa non hai partidos, so hai un proxecto político que é o de En Marea” e remarcaba que “as vicisitudes internas de cada organización non poden influír nas decisións de En Marea. Unha parte de En Marea que somos independentes queremos que isto funcione. Non podemos condicionar o seu funcionamento a dinámicas internas de partido”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies