Multitudinaria mobilización pola dignidade da Atención Primaria

Miles de persoas percorreron onte as rúas de Vigo nunha gran manifestación para reclamar unha Atención Primaria digna e de calidade

Un dos eixos centrais da mobilización foi a falta de médicos de familia que queiran quedarse en Galicia para traballar no Sergas.

No transcurso da manifestación, convocada por un grupo de profesionais sanitarios trala dimisión en bloque da meirande parte dos xefes de servizo da área, berráronse consignas como “a Primaria non se vende”, “goberne quen goberne, a sanidade non se vende”, “os PACs están en loita” ou “Non é política, é dignidade”, dirixidas ao presidente da Xunta e ao Conselleiro de Sanidade. 

Rematado o percorrido da manifestación, secundada por miles de persoas, unha residente da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria lía un manifesto explicitando a situación dos profesionais sanitarios de Atención Primaria da área de Vigo, que piden ofrecer un servizo digno e de calidade. “Basta xa á sobrecarga asistencial, á política de cero substitucións, ás demoras inaceptables dos nosos doentes para consultas especializadas, á pobreza na reposición de material e aos contratos lixo aos novos profesionais”, destacaban os profesionais sanitarios no manifesto.

Valoracións dos líderes da oposición

Luís Villares, voceiro de En Marea reclamou “recursos suficientes para que os profesionais poidan traballar con dignidade e a poboación poida ser atendida con seguridade”. Criticou que “un dereito fundamental como a sanidade non pode ser recortado constantemente. O PP non pode poñerlle unha mordaza á toda a cidadanía que está libremente manifestándose na rúa”.

Gonzalo Caballero, do PSdeG, celebrou a “masiva e cívica manifestación”, asegurando que “Feijoo en dez anos non entendeu as necesidades da sanidade pública. Centos de médicos abandonaron o país nos últimos anos froito das súas políticas”. 

Ana Pontón, voceira do BNG destacou que “Vigo e comarca deron un exemplo de defensa da sanidade pública”, asegurando que “os recortes están pondo en risco a saúde. Os profesionais non se están inventando unha realidade paralela”. 

Xustificación do Sergas

O mesmo día da manifestación, na Comisión de Investigación de Sanidade Pública do Parlamento de Galicia, cuestionado pola ausencia de médico no PAC da Estrada pola que faleceu unha persoa sen asistencia médica, o Director de Procesos sen Ingreso e Urxencias da EOXI de Santiago aseguraba que non se debeu a “cuestións económicas ou a unha deficiente planificación” senón ao “esquecemento do profesional que tiña que cubrir a garda”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies