Lida Senra durante as xornadas “A responsabilidade da esquerda europea” celebradas en Viena // Imaxe: https://lidiasenra.gal

Facer fronte ao auxe da extrema dereita e ao retroceso dos dereitos humanos e liberdades civís

O Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) está a participar en Viena nunha xornada de traballo conxunto con representantes de partidos e organizacións da esquerda austríaca, país que ostenta arestora a presidencia do Consello Europeo.

Para a eurodeputada galega Lídia Senra, postas en común como a d Viena ou a realizada o pasado outubro en Polonia son importantes porque as forzas políticas da esquerda europea viven un momento no que “urxe presentar alternativas políticas críbeis ao que propón a extrema dereita”. Neste sentido, analiza, “é crucial ir á raíz do problema. Temos que mudar o modelo económico capitalista neoliberal polo que está a apostar Occidente e a UE. O sistema actual vai contra as persoas e contra a Natureza, esixe a destrución dos medios de vida das persoas pobres para manter o estilo de vida insostíbel das clases máis favorecidas dos países ricos”.

O marco de debate da xornada de hoxe céntrase na análise de posíbeis estratexias a través da cales facer fronte ao aumento das políticas públicas que criminalizan ás persoas migrantes, pero tamén abarcará a actual degradación dos dereitos e liberdades no contexto austríaco e europeo, nomeadamente o aumento da vulnerabilidade das traballadoras e traballadores, o deterioro das institucións democráticas ou as ameazas cada vez maiores ás que se está vendo sometida a liberdade de prensa nos Estados membro da UE.

A axenda de traballo estase a estruturar arredor de catro eixos principais. Un primeiro panel analizou as claves do auxe das forzas políticas da extrema dereita e das políticas contra as persoas migrantes. Ademais das deputadas e deputados do GUE/NGL, participaron o publicista e político Peter Porsch; a xornalista Nina Horaczek e o blogueiro Martin Konecny (Mosaik-blog.at), e Gabriele Michalitsch, profesora da Universidade de Viena.

A continuación un segundo bloque de debate centrouse nos dereitos das traballadoras e traballadores e a loita polas políticas sociais. Xunto ca deputada galega, participaron neste espazo Markus Stromeier, da Federación de Sindicatos Austríacos ÖGB; Can Gülcü da UNDOK, organización que apoia ás persoas que traballan en Austria sen documentos informándoas dos seus dereitos; Katerina Anastasiou, activista polos dereitos das persoas migrantes e Herbert Fuxbauer, do Partido Comunista de Austria.

Na súa intervención a eurodeputada galega criticou duramente a liña política da UE, subliñando que “mentras moitas persoas teñen esperanzas en que a UE vai defender os dereitos das traballadoras e traballadores, as institucións europeas fan todo o contrario, impoñendo reformas que destrúen os dereitos laborais ou, como estamos a ver nestes últimos meses, tratando de debilitar os sistemas públicos de pensións”. Senra lembrou tamén que as institucións comunitarias son cómplices do deterioro dos sistemas públicos de saúde, como aconteceu ca imposición do copago sanitario no Estado español. De feito, argumentou, “as políticas autoritarias e xenófobas dalgúns Estados membro que tanto nos preocupan están exactamente na mesma liña que as políticas europeas, só que as disfrazan cunha retórica distinta”.

En clave autocrítica reiterou tamén que “a esquerda europea non pode permitir que existan as alarmantes taxas de pobreza actuais”. Unha ferramenta útil neste sentido, lembrou, sería a aprobación dunha renda básica universal europea. “Non nos podemos deixar enganar, as economías “verde” e “azul” que están a propor as institucións comunitarias non van xerar tantos postos de traballo como para compensar os que se están a destruír en termos xerais, e esta situación vaise ver empeorada pola robotización e a intención de ampliar a idade de xubilación nos Estados membro”.

Entre as propostas apuntadas por Senra, a galega quixo destacar a importancia de “non dar nin un paso atrás na loita polos dereitos humanos e sociais, non podemos retroceder no conseguido até agora logo de tantos anos de loita e sacrificios das clases populares. E, por suposto, non podemos permitir que ningunha persoa ao chegar ao final da súa vida laboral entre na pobreza.”

Xa durante a tarde, as deputadas/os do GUE/NGL proseguirán a xornada debullando os desafíos que enfronta a esquerda no seu rol con respecto futuro da UE no marco das vindeiras eleccións, así como as cada vez máis habituais situacións de control político sobre as institucións democráticas e os medios de comunicación.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies