Demanda xudicial para garantir o dereito do persoal substituto a manter o contrato

A CIG-Ensino ven de presentar a primeira demanda xudicial para que o profesorado substituto teña contrato ata a incorporación do titular. Esta acción xudicial responde ao criterio empregado pola Consellería de Educación de cesar ao persoal substituto con data 30 de xuño, inda que a persoa titular da praza non se incorpore ao seu posto de traballo.   

Dende a CIG-Ensino teñen claro “que debemos ir ata as últimas instancias para garantir a extensión do contrato ata a incorporación da persoa titular”, a pesares de que, nestes momentos, os distintos tribunais están a ditar resolucións contraditorias ao respecto dos dereitos do persoal interino e substituto.

Con esta demanda pretenden “abrir o camiño, caso de se producir unha sentenza favorable, a que se estenda a todo o persoal substituto, habida conta da imposibilidade de negociar cunha Consellería pechada no bunker do inmobilismo e que actúa permanentemente de costas aos dereitos sociais e laborais do profesorado”.

Na CIG-Ensino seguen a demandar a realización do contrato nos meses de verán “a aquel profesorado que traballe cando menos cinco meses e medio durante o curso académico, ao tratar se do colectivo máis vulnerable e precario de todo o persoal docente do ensino público galego”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies