En Marea votará cando se garanta a limpeza e transparencia do proceso

Nunha entrevista concedida onte á Cadena Ser, Luís Villares debullou os motivos da paralización temporal do proceso de votación nas eleccións internas da formación. En declaracións aos medios, tamén censurou aos críticos que querían “votar a toda costa” nas eleccións internas de En Marea.

Durante a entrevista, que xirou sobre a situación interna de En Marea, Luís Villares foi cuestionado sobre a paralización temporal do proceso de votación, respostando que “como dirección, garantimos a limpeza e transparencia do proceso, colaborando lealmente tanto coa Comisión de Ética e Garantías como co Comité Electoral para que se poida votar con garantías”.  

Sobre a versión da outra candidatura, “Entre todas”, encabezada por David Bruzos, que mantén que esta paralización “é un intento de Villares de blindarse diante dun proceso que non lle ía ser moi favorable” e asegura que si había garantías, o cabeza de lista da candidatura “Coidando a casa” responde que descoñece “se do outro lado teñen á Bruja Lola entre as súas filas para adiviñar cal sería o resultado, e explica os motivos da paralización aducindo que “a Comisión de Garantías detectou catro irregularidades: unha fenda de seguridade no censo, que non se fixo a comprobación antifraude (un simulacro de votación), que non se coñecían coa antelación suficiente cales eran os locais de votación e por último, que na plataforma non aparecían os nomes das persoas integrantes das candidaturas”. Asegurou que estas eivas deben solucionarse á maior brevidade posible para proceder á votación de xeito regulamentario.

Posicionamento dos partidos:

Preguntado polos medios este luns, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a cabeza visible de Compostela Aberta, un dos impulsores da denominada mesa da confluencia, aseguraba, tras apoiar publicamente a candidatura encabezada por David Bruzos, que “a dinámica de En marea non é mimética ás mareas locais, que teñen un funcionamento moi bo”, para logo evitar responder a máis preguntas sobre a situación que atravesa En Marea.    

Pola súa banda, Esquerda Unida, formación cuxa dirixente en numerosas ocasións ten realizado declaracións posicionándose á marxe de En Marea, chegando incluso a calificar o espazo como “ornamental”, emitía onte un comunicado no que consideran o acontecido “unha vulneración dos dereitos das persoas inscritas, polo que demandan unha solución rápida para que se poida votar”.

Podemos Galicia insiste en que “a paralización das votacións foi irregular e demanda a súa reactivación de forma áxil e transparente”, ao que Villares respondeu lembrando ao partido que dirixe Antón Gómez-Reino, en referencia á anulación das primarias en Leganés por irregularidades no censo, cun “¿que é mellor: votar con garantías ou votar e despois ter que anular as votacións?: o que non queiran para eles, que non o queiran para nos”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies