A dirección de En Marea levará á fiscalía os accesos irregulares ao censo

Na rolda de prensa convocada onte, o responsable legal ante a Axencia Española de Protección de Datos, Gonzalo Rodríguez, confirmaba que a coordinadora levará á Fiscalía os accesos irregulares ao censo por presunta vulneración da privacidade das persoas inscritas en En Marea

Despois de que parte dos integrantes do Comité Electoral, nunha comparecencia ante os medios, afirmasen que estaban autorizados a consultar o censo por mandato do plenario e en cumprimento do regulamento das eleccións, Gonzalo Rodríguez rexeitaba a súa versión, cualificando a súa actuación de “ética, política e legalmente inaceptable”, pois “non existiu autorización tácita para que o Comité Electoral accedese ao censo, pois se existira, sería contraria á Lei Orgánica de Protección de Datos”.

Rodríguez precisou que “o acceso ilimitado ao censo que solicitaron non está autorizado nin no regulamento do plenario, nin na Lei Orgánica de Protección de Datos. O que si está regulamentado é o dereito de supervisión e control, que en ningún momento se lle negou”. Relatou tamén que, o mesmo día no que se puxo á disposición do Comité Electoral para “garantirlles o acceso de xeito seguro e segundo a Lei ao censo”, algúns integrantes do Comité “estaban tentando obter do responsable técnico os datos para acceder de modo non autorizado”. 

O responsable legal incidiu en que o acordo de confidencialidade que asinaron as persoas do Comité Electoral establece na súa primeira cláusula que “o responsable do tratamento dos datos é o único competente para establecer políticas, normas, regras e procedementos para o tratamento da información, debendo o colaborador ou colaboradora atender aos mesmos de forma estrita”.

Por todo isto, aseveraba que “non respectaron o regulamento, non respectaron a lei Orgánica de Protección de datos e non respectaron o mandato para a preservación dos datos deste responsable do ficheiro”. Dado que estes feitos poden vulnerar a propia Lei Orgánica de Protección de datos, confirmou, “serán postos en coñecemento da Fiscalía”.

Salientaba tamén que “se hai algunha persoa que suxire que debemos tapar as cousas e mirar para outro lado, eu lle diría que esta coordinadora non opina que viñéramos aquí para iso, non viñemos aquí para esixirlle aos demais o que non nos esiximos a nos mesmos, non viñemos aquí para facer que todo siga estando igual mirando para outro lado, polo tanto nós non imos a tapar nada, imos a esixir transparencia e imos a actuar sempre con escrupulosa transparencia e respecto aos dereitos das persoas”.

Sobre as votacións, avanzou que “o antes posible coas máximas garantías, e en canto se verifique a instauración das medidas adicionais de seguridade, procederase á votación con total normalidade e co desexo de rematar canto antes este proceso e adicarnos ás eleccións municipais, a pensar os programas, a pensar as políticas, a escoitar á xente e trasladar esas ideas á acción política”.  

 Cuestionado sobre as acusacións dos críticos de querer secuestrar as votacións, Gonzalo Rodríguez asegurou que “neste tipo de cousas, o tempo pon a cadaquen no seu lugar”.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies