Imaxe: Twitter Greenpeace Galicia

As persoas e o medio ambiente no centro das políticas no Día da Terra

No Día da Terra, Amigos da Terra aposta por que o medio ambiente irrompa nos programas electorais, reclamando medidas máis eficaces para frear o deterioro ambiental e social.  

Dende Amigos da Terra, co gallo do Día da Terra (22 de abril), reclaman aos representantes políticos que estean á altura da crise climática e ambiental á que se enfronta a humanidade e actúen en consecuencia.

Tras décadas desempeñando un papel marxinal na vida pública, os problemas ambientais empezan a gañar peso e a ocupar un lugar nos programas electorais. “A xente cada vez é máis consciente destes problemas que poñen en xaque a vida de todos os seres vivos na Terra”, aseguran dende o colectivo.

A mobilización da sociedade civil, o movemento histórico “Fridays for Future”, os activistas máis novos que non frean no seu empeño para que se tomen medidas reais contra o cambio climático, ou o rexeitamento masivo ao uso desmedido de plásticos, foron detonantes para que por fin estas preocupacións sociais salten aos medios de comunicación e se vexan reflectidas nos programas electorais.

 “Agora que a crise ambiental estalou nas pantallas dos nosos televisores e dispositivos móbiles, é cando tamén ocupa un lugar nos programas dos partidos políticos. O posible obxectivo? “ reverdecerse e caer en graza aos seus electores”, sinalan dende a organización ecoloxista.

Desde Amigos da Terra esixen aos partidos que transformen as súas palabras en feitos e que aposten decididamente polo medio ambiente e as persoas. A pesar da importancia que se lle empeza a dar, as medidas sobre a mesa seguen quedando curtas, se se ateñen á urxencia planetaria que vivimos.

É necesario que España se comprometa co tratado vinculante de dereitos humanos e empresas que se debate na ONU. Amigos da Terra sinala que os líderes políticos non poden seguir xogando nunha realidade paralela, e que é crucial que comprendan que o medio ambiente e as persoas teñen que estar no centro de todas as decisións políticas.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies