Imaxe: http://mareatlantica.org

A Marea Atlántica desminte que a apertura da cárcere custe máis de 1000 euros ao día

Ven de emitir un comunicado nas redes sociais no que critica duramente a reportaxe publicada na Voz de Galicia.

A Marea Atlántica ven de facer pública unha comunicación onde di que La Voz de Galicia “inventa un ‘custo diario’ do cárcere dividindo o prezo das primeiras obras de rehabilitación polos días que pasarán desde a súa reapertura ata que remate o convenio asinado entre o Concello e o Estado para a xestión do edificio” e no que aclara que “O custo real de manter aberto o cárcere son os recibos da luz e a auga. As actividades que alí se realizan son de balde, xestionadas polo colectivo sen ánimo de lucro ‘Proxecto Cárcere’ despois dun concurso público”.

A Marea Atlántica recoñece que “Os cartos orzamentados para estas obras quedaron curtos, abofé. O deterioro do cárcere era moito maior do sinalado nos primeiros informes. Froito do abandono de anteriores gobernos. E oxalá poidamos investir máis. Pero ao xornal nunca lle deu por calcular o “custo diario” de deixar caer un edificio central na historia da cidade” e tamén indica que “As obras de rehabilitación tiñan que facerse si ou si. O seu fin non era só abrir o edificio para uso cidadán, senón frear o seu deterioro. Non caducan. Nin desaparecen cando venza o convenio.” do que indican que “tampouco ten unha data de finalización irrevogable. Pode prorrogarse por un ano. Ou asinarse outro. Ou chegar a outro tipo de acordo”

Dende a formación de Xulio Ferreiro indican que “O cárcere é patrimonio da Coruña, é historia e memoria. Coidalo é unha obriga” e indican que “Só desde unha mentalidade extremadamente neoliberal pode calcularse o investimento en coidalo coma se fose a obra dun multicine. Só cando se desexa moi forte que o cárcere se peche á cidadanía pódese facer unha información que mire tan de lonxe os criterios xornalísticos.”

Retranca

A nota non está exenta de retranca e utilízana para poñer á Voz de Galicia no seu sitio: “Sabedes ese chiste no que alguén come un polo, outro pasa fame e a estatística di que comeron medio polo cada un? É un exemplo de mal uso das matemáticas. La Voz de Galicia fai hoxe a súa propia versión”.

A nota finaliza con batante humor e non dubida en darlle consellos de redacción ao xornal para futuras reportaxes: “rematamos cun par de consellos para futuras “reportaxes”. Se dividimos o prezo das obras polo número de fiestras do #cárcere teremos o “custo por fiestra”. E se o dividimos polo número de estrelas no ceo, teremos o “custo estelar”.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies