A mineira de Touro recibe unha nova multa polo desbordamento dunha balsa

A asociación Aldea Viva desvela unha nova multa de Augas de Galicia á empresa da mina de Touro (Explotaciones Gallegas, SL) por unha cantidade de 20.000 euros

Apenas unha semana despois de que coñecésemos a sanción de 30.000 euros á mineira polo vertido de augas residuais, que supuxeron segundo a administración “a alteración da calidade das augas por concentración de contaminantes superiores ós límites autorizables”.

No pasado mes de febreiro a asociación medioambientalista anunciaba a comunicación a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente do desbordamento da balsa mineira situada en Bama (Touro) con resultado de contaminación do río Brandelos (aflúente do Ulla), ó mesmo tempo que censuraba o descontrol e irresponsabilidade da empresa propietaria dos terreos, e que ahora pretende poñer en marcha o proxecto de megaminería. Un mes despois do suceso o conselleiro de Industria, Francisco Conde, informaba da tramitación dun expediente sancionador en resposta a unha pregunta do grupo parlamentar En Marea, xustificando en parte o acontecido polas condicións climatolóxicas, e recoñecendo o desleixo da administración durante todos estes anos.

Agora Augas de Galicia depura as responsabilidades e deixa sen xustificación tanto ó conselleiro Francisco Conde como á mineira de Touro, e asegura que “os episodios de choiva como os acontecidos no pasado mes de febreiro non son infrecuentes na zona, e constátase que a empresa non tomou ningunha medida preventiva para evitar o vertido polo que se lle incoa este procedemento”.

O organismo público tamén rexeita a argumentación da empresa que intenta eludir as reponsabilidades negando que o vertido ilegal altere a calidade da auga. Neste senso Augas de Galicia afirma que as diferentes analíticas demostran o contrario “logo do desbordamento constátase un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos entre augas arriba e augas abaixo do vertido e tamén un incremento moi considerable dos parámetros de Cobre e Manganeso”.

Aldea Viva considera que a resolución destes dous expedientes sancionadores con resultado de culpabilidade a Explotaciones Gallegas, SL deberían ser motivo abondo para que a administración galega rexeite o proxecto mineiro xa que queda constatada a incompetencia e ausencia de responsabilidade da empresa dende que chegou ó municipio, a comezos dos anos 90.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies