Rebelión médica contra o deterioro da Atención Primaria de Saúde

O pasado luns producíase a dimisión en bloque dunha vintena de xefes de servizo da área de Vigo, máis do 80% dos xefes de servizo desa área, que deixaban os seus cargos para “non ser cómplices dunha situación insostible”

A través dun comunicado, os facultativos censuran, entre outras cousas, “a sobrecarga de traballo do persoal, as trabas que a administración sanitaria pon aos doentes para acceder a unha proba ou especialista e as carencias materiais que arrastran os ambulatorios”. Denuncian tamén o “esgotamento e a desmotivación que sofren polas maratonianas xornadas que teñen que afrontar e que levan a algúns a adiantar as súas xubilacións”.  

Luciano Garnelo, ex-xefe de servizo do centro de saúde Pintor Colmeiro de Vigo, queixábase de que “os xefes de servizo estivemos organizando as carencias da sanidade pública, pero non se pode organizar a miseria”. En termos semellantes, Pilar Covas, xefa de servizo do centro de saúde do Val Miñor, aseguraba que “isto non é unha pataleta de catro persoas, é unha protesta de toda a atención primaria”.     

Mentres o SERGAS alega que “a escaseza de facultativos impide facer máis contratacións”, os xefes de servizo que presentaron a súa dimisión consideran que “o que non hai son profesionais que queiran traballar de forma tan precaria como se lles ofrece”.  

A sanidade a debate no Parlamento

Tanto En Marea como o PsdG e o BNG levarán ao vindeiro pleno do Parlamento iniciativas relacionadas coa situación da sanidade en Galicia, tal e como expuxeron trala xunta de voceiros celebrada onte.

Luís Villares, voceiro de En Marea, esixía a dimisión inmediata do conselleiro de Sanidade por ser “absolutamente inaceptable que ante unha situación refrendada por todos os colectivos profesionais e cidadás, que denuncian recortes continuados e o deterioro do servizo, nada se mova nin se explique”.   

Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do Grupo Socialista, reclamaba “un cambio na política sanitaria do goberno galego que esixe un cambio de conselleiro”.  

A voceira do BNG, Ana Pontón, preguntábase “que mais ten que pasar para que Feijoo remate con este sanicidio provocado por oito anos de recortes e privatizacións”.

O Partido Popular rexeitou incluír no vindeiro pleno a comparecencia do responsable de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

https://twitter.com/En_Marea/status/1072823238923837440
https://twitter.com/PSdeG/status/1072840017561747456
https://twitter.com/obloque/status/1072850145316913152

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies