Rolda de prensa do consello de En Marea // Imaxe: https://enmarea.gal

O Consello das Mareas tenta desbloquear o proceso de eleccións internas

Na xuntanza do Consello das Mareas mantida onte, na que o sector crítico negouse a participar, a dirección acordaba instaurar seis medidas adicionais de seguridade para desbloquear o proceso de eleccións internas, que a Comisión de Ética e Garantías poida levantar os reparos e retomar a votación canto antes e con plenas garantías

Estas medidas, segundo informou a dirección de En Marea, tómanse “despois de que membros do Comité Electoral solicitasen á empresa que xestiona a base de datos, mediante engano, ter acceso ilimitado á plataforma do censo, confirmando as auditorías dito acceso non autorizado de dous membros do Comité Electoral, o que fixo perder a confianza que se tiña depositada nesa empresa”. Na xuntanza tamén informaron de que “antes da entrega non autorizada das claves, fíxose unha copia completa dos datos censais” non solicitada. 

Manteñen que “a obriga de En Marea é actuar con ética e transparencia e non emprender unha fuxida cara diante cando se producen ilegalidades”, polo que dende a dirección insisten en que as irregularidades constatadas “so se poden producir se hai vontade de facer trampas” e amosan a súa decepción porque voces do sector crítico, entre as que se atopan Martiño Noriega, Eva Solla ou Gómez-Reino opten por mirar cara outro lado”.

As medidas acordadas polo Consello das Mareas son “o cambio da empresa xestora do ficheiro informático do censo, o cambio da empresa encargada da xestión das votacións, a instauración do sistema de confirmación de voto por medio de SMS, a renovación das claves de acceso á plataforma no momento da votación, a contratación dun servizo de autoridade de votación externo que verifique a limpeza do proceso e a implementación na papeleta de votación do nome completo das persoas que integran cada unha das candidaturas”.   

Trala xuntanza, o Consello trasladou á Comisión de Ética e Garantías as medidas, para que a citada Comisión, órgano ao que corresponde a decisión, “valore se son suficientes para levantar a suspensión cautelar das votacións e comunicarllo ao Comité Electoral, que podería, de levantar os reparos a Comisión de Garantías, establecer as datas da votación de forma inmediata”.  

Nova ausencia do sector crítico coa dirección

Antes de comezar o Consello, Oriana Méndez (da candidatura Entre todas) e Paula Rodríguez acompañaron a Daniel Calvete, todos pertencentes ao sector crítico coa dirección, para facer declaracións ante os medios e explicar que “non ían participar na reunión porque é unha burla e unha estafa”.

Calvete insistiu ante os medios en que ao seu modo de ver “non houbo manipulación do censo”, cando as auditorías confirman os accesos irregulares e a copia do mesmo e se lle cambiaron as claves ao responsable legal ante a Axencia Española de Protección de Datos.   

As direccións dos partidos continúan cargando contra En Marea

As cúpulas de Podemos, Anova, Esquerda Unida e as mareas da Coruña, Santiago e Ferrol continúan criticando duramente e presionando á dirección de En Marea para celebrar as votacións alegando, contra o revelado polos informes periciais e sen o pronunciamento do órgano competente (a Comisión de Garantías), que xa se dan as condicións para votar con garantías.

Esquerda Unida chegou a esixir, a través dun comunicado no que saíu en defensa do Comité Electoral, responsabilidades legais e políticas polas acusacións de manipulación do censo que afectan a membros das súas filas.   

Voces críticas contra a actuación de Gómez-Reino

María del Carmen Camiña Vázquez, de Podemos Sanxenxo, lamentaba que o secretario xeral do partido, Antón Gómez-Reino, saíra en defensa das irregularidades e actos delictivos comprobados nas auditorías e denunciou tamén o acontecido aducindo que “a intrusión na base de datos de En Marea púxonos en alerta a moitas das inscritas de Podemos, ao compartir plataforma nas votacións, e por iso levamos o caso á comisión estatal de garantías do partido”. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies