As vacas, culpables da contaminación da contorna para a mineira de Touro

ADEGA, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ven de destapar que a empresa mineira Cobre San Rafael S. L. tenta xustificar os elevados niveis de metais tóxicos nos regos que drenan o complexo mineiro “culpabilizando ás explotacións gandeiras”.

Dende a Asociación resaltan tamén que Cobre San Rafael “chegou a realizar unha proposta para aproveitar as virtudes das augas contaminadas para abrir o primeiro parque temático de organismos extremófilos do mundo”.  

A xustificación en altos contidos en metais pesados, nomeadamente de cadmio, nun dos regos onde se tomaron mostras por parte da empresa, a través dun informe, ven sendo que “á vista da composición química que presentan as mostras de auga, non hai dúbida de que ambas mostras derivan de augas contaminadas por purís. Como é coñecido, os pensos animais e vexetais poden presentar contidos significativos de metais pesados, entre os que se inclúe o cadmio, que se incorporarían á cadea trófica, acumulándose no fígado e nos riles dos animais de granxa, que eliminarían parte dos mesmos nos purís”.    

Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA, salienta que “o que non di a empresa é que estes altos niveis de cadmio aparecen xusto despois de que o río pase pola antiga balsa mineira, instalacións que inda hoxe están sendo utilizadas para reciclar residuos”.

Para Eirexas, “estamos ante un novo episodio rocambolesco de intentar diminuír a responsabilidade dunha empresa que leva facendo verteduras ao dominio público hidráulico dende que pechou a mina e que intenta responsabilizar, neste caso aso labregos e labregas do que é a responsabilidade da empresa, pois está claro que esas verteduras proceden da mina.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies