Viaxe reivindicativa pola dignidade do tren entre A Coruña e Ferrol

A “Plataforma pola defensa do tren” organiza o vindeiro domingo día 16 unha xornada de protesta pola situación actual da liña ferroviaria entre A Coruña e As Mariñas. Dende a plataforma reclámase a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol mediante a implantación dun tren  que aumente os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendíbel e economicamente viábel como único xeito de consolidar unha liña actualmente ameazada e que deberá dar servizo de calidade a zonas densamente poboadas como O Burgo, Cambre, Betanzos, Pontedeume, etc.

Denuncian que o deseño das liñas ferroviarias nas derradeiras décadas primou a comunicación con Madrid e non a articulación da comunicación interna entre as poboacións e as comarcas do país. O tren de proximidade deixou de estar nas prioridades dos sucesivos gobernos autonómicos e do estado. Non se investiu en mellorar os servizos e as infraestruturas ata que foron deixando de ser operativas.

A existencia do tren en Galiza desenvólvese nun círculo vicioso onde a redución de frecuencias e o desmantelamento de liñas e estacións ven provocando unha paulatina perda de viaxeiros/as que se utiliza como argumento para xustificar a eliminación de máis servizos no canto do investimento en melloras que o farían viábel.

Nos últimos anos, na liña A Coruña-Ferrol executáronse actuacións menores a espera de resposta por parte do Ministerio de fomento e Adif para a mellora da infraestrutura e das frecuencias. Dende a “Plataforma pola defensa do tren” esixen o Ministerio de Fomento un compromiso real acompañado do investimento necesario para mellorar a comunicación ferroviaria entre Coruña e Ferrol.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies