CUAC FM xa volve estar nas ondas despois de derrotar á Xunta de Galicia nos tribunais // Imaxe: https://twitter.com/txenoo

CUAC FM vence a censura da Xunta de Feijoo e retoma as emisións

A emisoria comunitaria coruñesa venceu nos tribunais á Secretaría Xeral de Medios do PP que lle impedía emitir e volve estar nas ondas.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tumbou a postura da Xunta de Galicia nun duro auto que acusaba ao executivo de Feijoo de infrinxir os dereitos fundamentais. Na sentenza indicaba claramente que o goberno do PP infrinxira “os preceptos legais que constituen unha garantía temporal de emisión para a actividade de libre expresión e comunicación e de creación e uso de medios de comunicación” e nos fundamentos xurídicos volve citar a carta magna espetando que “o exercicio destes dereitos non pode restrinxirse mediante ningún tipo de censura previa” e engade que “o dereito á liberdade de información é un dos alicerces sobre os que se substenta un estado democrático, posto que é a través do seu exercicio como se forma unha opinión pública libre”.

Asi pois, o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é estimatorio de todas as pretensións de Cuac FM, recoñece o seu dereito a emitir pola Frecuencia Modulada, outorga a Cuac FM unha garantía temporal de emisión e considera contra dereito a resolución da Xunta de Galicia.

CUAC FM emitiu un comunicado celebrando “o contido da sentenza, que estima as súas pretensións e deixa sen efecto o apercibimento de graves sancións económicas por emitir en frecuencia modulada, ao tempo que lle recoñece unha garantía temporal de emisión. O TSXG sinala tamén que a Xunta de Galicia violou os nosos dereitos fundamentais” ao que engadiu que “é un feito de extraordinaria gravidade que unha administración pública sexa condeada por vulnerar os dereitos fundamentais. Non estamos a falar dun asunto menor, falamos da expulsión do espectro radioeléctrico dun medio de comunicación e da posta en risco dun servizo de comunicación comunitario sen ánimo de lucro que leva 22 anos servindo á cidadanía coruñesa.”

A emisora volveu a emitir con normalidade no dial 103.4 FM este sábado 3 de novembro ás 13:34 horas e facíao mediante unha programación especial de portas abertas no Campus da Zapateira ofrecendo un “bautismo radiofónico” a toda aquela persoa que quixera.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies