Acto das Xuventudes Socialistas en defensa das pensións // Imaxe: http://www.xsgalicia.org

Suspendido por irregularidades o congreso para elixir ao líder das Xuventudes Socialistas en Galicia

A comisión executiva federal de Xuventudes Socialistas de España decidiu suspender o congreso extraordinario que a formación galega pretendía celebrar o pasado sábado para elixir de novo como secretario xeral a Aitor Bouza, único candidato e relevo do anterior líder, Nabor González, que dimitía o 20 de outubro por motivos persoais, aducindo irregularidades e nomeando unha comisión xestora mentres non se designe unha nova directiva.

Bouza manifestou “asumo a responsabilidade que este posto require, tendo unha clara determinación e coñecendo o mandato dos meus compañeiros”, declaracións que non gustaron en Madrid, ao entender que asumía a secretaría xeral da organización. 

As Xuventudes Socialistas de Galicia terán que adiar a elección do novo secretario xeral. A través dunha resolución publicada o venres, a comisión executiva suspendía o congreso extraordinario considerando que se cometeron numerosas irregularidades no proceso e aseguraba que Bouza “está exercendo como secretario xeral a sabendas de que non ten lexitimidade de orixe para elo”. O órgano federal destaca entre as irregularidades “que non se informara á militancia da apertura do proceso de primarias mediante as vías e mecanismos axeitados, non axustándose á normativa interna, así como a escasa marxe de tempo ofrecida para a presentación de candidaturas ou que non se lles facilitase información do proceso a pesares de tela solicitado dende Madrid”. 

Debido a esta situación, optaron por suspender o congreso e que unha xestora tomara as rendas da organización mentres non se designe unha nova directiva. As redes xa se lanzaron a opinar sobre o tema e as contas do Partido Popular xa aproveitaron para sacar tallada.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies