O paro descende en decembro grazas ao Nadal
O número de persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego reduciuse en 15.718 persoas en Galicia en 2018
Esta diminución supón o 8,5%, máis de dous puntos por riba da media, e prodúcese grazas ás contratacións durante o Nadal.
Galicia contabilizou 1.074 desempregados menos en decembro que no mes anterior. No conxunto do estado, o paro baixou en 210.484 desempregados en 2018, o que supón o sexto descenso anual consecutivo, inda que o menos pronunciado dende o de 2013, segundo os datos publicados polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.
A Coruña foi a provincia onde máis baixou o paro en 2018, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense, mais en Pontevedra 67.192 persoas seguen atopándose en desemprego, na Coruña 66.691, en Ourense 19.099 e en Lugo 16.313.
En canto aos contratos, en Galicia ascenderon a 72.251, que supoñen 12.176 menos que en novembro pero 720 máis que en decembro do ano anterior, caracterizándose por ser contratacións, como é habitual cada mes, temporais.
No acumulado, Galicia conta con 1.082.126 contratos, 983.529 temporais (o 90,89%) e os 98.597 restantes indefinidos (o 9,11%). Esta porcentaxe tan baixa de contratación indefinida, xunto “cunha taxa de cobertura que segue en mínimos, a estacionalidade, a rotación e a baixa calidade das contratacións” fan que dende UGT- Galicia afirmen que “non se logran maquillar as eivas do mercado laboral galego”.
Dende o sindicato tamén denuncian que “o desemprego en Galicia ten sexo feminino”, pois seguen en peores posicións as mulleres que os homes habendo “unha brecha por sexos no desemprego, posto que o 56,7% do total é paro feminino”.
Das persoas desempregadas en Galicia, 7.858 son mozos e mozas menores de 25 anos.
Afirman dende UGT- Galicia que “na nosa Comunidade hai 40.313 persoas beneficiarias de prestacións por desemprego de carácter contributivo, tan so o 46% do total, o que indica a alta precariedade na cobertura por desemprego”, e inciden en que “a gran maioría da cobertura dos desempregados en Galicia é de carácter asistencial, ben sexan de Subsidio, Renda Activa de Inserción ou Programa de Activación de Emprego.