A Xunta de Feijoo quere seguir a censurar as emisións de CUAC FM

O pasado 7 de febreiro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou a Cuac FM a dilixencia pola cal a Xunta de Galicia anuncia a preparación dun Recurso de Casación contra a sentenza  deste Tribunal, favorable a Cuac FM.

Dito noutras palabras, a Xunta recorreu ante o Tribunal Supremo unha sentenza do TSXG que garante o dereito á comunicación desta emisora comunitaria e na que se recoñece unha garantía temporal de emisión en frecuencia modulada para Cuac FM. A devandita sentenza que a Xunta pretende recorrer ante o Tribunal Supremo, recoñece a violación dos dereitos fundamentais de Cuac FM e o seu dereito a emitir, e deixaba sen efecto as ameazas de sanción en caso de voltar á FM, coma de xeito fixemos o 1 de novembro, sentenza que foi ditada unanimemente por catro maxistrados, tendo en conta o informe previo da fiscalía favorable á Cuac.

CUAC emitiu un comunicado no que “quere trasladar á cidadanía a súa consternación ante a preparación deste recurso, que pon de manifesto unha persecución por parte da administración a un medio comunitario, sen ánimo de lucro, que leva 23 anos exercendo unha actividade asociativa e educadora” e no que indicou que “non comprende as motivacións para que unha administración empregue recursos públicos para anular unha sentenza expansiva dos dereitos fundamentais da cidadanía”.

No texto, remitido á prensa indican que “tampouco comprendemos que beneficios para a cidadanía galega e coruñesa se derivarían da desaparición de Cuac FM do dial, que é o único efecto que este recurso de casación ante o Tribunal Supremo podería chegar a acadar” ao que engaden que “esta acción é de todo irracional, en canto a propia Xunta recoñeceu por escrito no seu día que Cuac FM leva máis de 20 anos emitindo na frecuencia modulada de boa fe, sen ánimo de ocultación, e sen recibir advertencia algunha por parte da Administración, que non existen terceiros prexudicados e que carece de ánimo de lucro”.

Dende a emisora pregúntase “que dano causa Cuac FM para que se emprenda un recurso nada menos que ante o Tribunal Supremo co único obxectivo de eliminala do dial coruñés” e avanzan incluso a resposta “Tristemente non cabe outra explicación plausible que a persecución, non a CUAC, que ao cabo é continxente, se non á propia comunicación comunitaria, recoñecida internacionalmente coma unha ferramenta útil contra os discursos do odio, a posverdade e as fake news, favorecedora do diálogo intercultural e interxeneracional, e propiciadora de comunidades máis harmónicas e diversas. A única interpretación que cabe é a de que se está a atacar toda unha escala de valores e liberdades, recollidas nas declaracións internacionais de dereitos humanos e tamén na Constitución Española”.

Cuac FM rematan indicando que non van recuar. “Nestes tempos nos que sopran ventos de involución predemocrática non podemos senón estar á altura das circunstancias e manter a nosa posición, garantindo o dereito a comunicar de todas as coruñesas e coruñeses a través da frecuencia modulada, porque é grazas a vós, e é por vos que #CuacResiste.”, engadiron.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies