O SLG pide a exención fiscal para as axudas de incorporación ao agro e a devolución rápida dos ingresos indebidos de Facenda

As sentenzas do Tribunal Económico Administrativo avalan que este tipo de subvencións deben ser consideradas investimentos de capital e, como mínimo, tributar de maneira fraccionada mentres dure o compromiso de actividade a que obriga a subvención.

O Sindicato Labrego Galego ofreceu hoxe, 18 de febreiro, unha rolda de prensa para denunciar a tributación abusiva que Facenda está a impor ás axudas dos Plans de Incorporación de xente nova á actividade agraria. Na comparecencia ante os medios de comunicación, que se celebrou en Compostela, participaron a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane; Conchi Docampo, labrega afectada á que lle vén de dar a razón a xustiza; e Sonia Vidal Lamas, gandeira que tamén sufriu esta fiscalidade excesiva e que é unha das coordinadoras da Mocidade Labrega dentro do SLG.

Isabel Vilalba introduciu a problemática, denunciando que “pagar en impostos máis do 30% do importe dunha axuda para iniciarse na profesión agraria parécenos totalmente abusivo e levamos varios anos denunciándoo. De feito, chegamos ao esperpento de persoas que tiveron que pagar os impostos antes mesmo de cobrar a axuda, só por ter notificada a súa aprobación. Estamos falando de mozos e mozas que, moitas veces, aínda non teñen ingresos por estar comezando, que se tiveron que enfrontar a pagos de até 9.000 euros”.

Unha desas mozas afectadas foi Conchi Docampo, labrega de Vedra que puxo en marcha unha explotación de horta ecolóxica en 2014. “Queriamos vivir e traballar no rural e comezamos dende cero. No ano 2014, aprobáronnos a axuda e fixemos os investimentos. Ese mesmo ano, Facenda notificounos que debiamos que declarar a axuda, e xa nese momento tivemos que xustificar que o importe non fora ingresado. En 2015 xa a declarei, pero decidín facer unha declaración rateada, e aí viñeron os problemas, xa que consideraban que debía tributar a subvención non como un investimento de capital, senón como gasto corrente, e pagar todo nun só ingreso. Facenda interpreta que a Xunta che dá a subvención para que teñas unha renda mínima, pero iso non é así, xa que as axudas son para investir e non che garanten ningún tipo de ingreso: tes que gastalo todo. A maiores, debes facer fronte a todo tipo de gastos: Seguridade Social, custes de produción, amortización de créditos, etc. En agricultura, tes que botar un período de tempo traballando antes de ter os primeiros ingresos. Pero Facenda non entendeu isto, senón que o interpretou como un gasto corrente para garantir a renda da persoa beneficiaria. Alegamos, e non aceptaron as nosas alegacións, polo que levamos a denuncia diante do Tribunal Económico Administrativo de Galicia. O tribunal contestounos hai unhas semanas e deunos a razón: a subvención é para un investimento de capital e non para gasto corrente. Isto, agora, permítenos ratear a axuda a cinco anos, que son os de compromiso de manter a actividade agraria”.

Sonia Vidal Lamas, gandeira de Xunqueira de Ambía, tamén padeceu esta fiscalidade abusiva, aínda que non levou aínda o seu caso aos tribunais. Tras dous anos de trámites burocráticos e papelame, a Sonia concedéronlle unha axuda de 25.000 € para construír unha granxa avícola. A resposta de Facenda foi cobrarlle 7.000 € de impostos en canto ingresou o importe da subvención.

Diante desta tributación inxusta e desproporcionada, Sonia Vidal explicou as demandas do Sindicato Labrego Galego para solucionar o agravio causado a mozos e mozas e tentar que este tipo de subvencións sirvan, realmente, para que a xente nova aposte pola agricultura e polo rural e que pasan pola devolución inmedata dos cobros indebidos de Facenda a través dun trámite áxil e simplificado, “Do mesmo que se fixo coas axudas de maternidade cando se recoñeceu que tributaban de maneira excesiva, queremos pedirlle ao Ministerio de Facenda un procedemento administrativo áxil e simplificado para devolverlles os cartos aos centos de labregos e labregas afectadas que lles foron cobrados indebidamente das axudas de incorporación”.

Tamén solicitan un programa integran de apoio os mozos e as mozas que se incorporen á agricultura e que contemple aspectos como servizos básicos, infraestruturas, garantía dunha renda mínima, mobilidade de terras para facelas máis accesibles á xente nova e a exención fisca das axudas de incorporación, que por ser de interese xeral, deberían estar exentas de tributar. Como mínimo, mentres non se aprobe esa exención, si debería permitirse o pago fraccionado durante o período de actividade ao que che compromete a recepción da axuda, que normalmente é de cinco anos.

Sonia Vidal lembrou que o labor dos labregos e das labregas vai máis alá de desempeñar unha profesión para gañar a vida. “Facemos algo máis que producir alimentos. Temos unha función social indispensable á hora de manter un rural vivo e coidado”. Porén, a situación do noso campo é insotible. “Temos aldeas enteiras nas que só quedan persoas maiores”, denunciou Isabel Vilalba. “Temos unha mocidade rural que se ve na obriga de emigrar para buscar un medio de vida e resulta que, a xente nova que quere instalarse no rural para vivir da agricultura, vive unha auténtica odisea para poder facelo”.

“Cómpre un plan integral de apoio á mocidade que queira instalarse no rural e que se queira dar de alta na actividade agraria”, proseguiu a secretaria xeral do SLG. Mais, lonxe deste apoio institucional, hoxe en día “a xente nova que se quere incorporar é a grande damnificada das axudas da Política Agraria Común (PAC), non hai programas de acceso á vivenda no rural, dificultade para conseguir terras, etc… Moitas veces, os mozos e mozas que inician este proceso rematan en fracaso por todos estes atrancos”. Para Conchi Docampo, “non ten sentido este tipo de obstáculos á incorporación da xente moza á agricultura cando só o 5% da poboación activa agraria ten menos de 40 anos de idade. Se non facemos nada por impedilo, nos vindeiros cinco ou dez anos o abandono do rural e da agricultura vaise tornar dramático”.

Dende o Sindicato Labrego Galego tamén engaden que “respecto das axudas á incorporación á actividade agraria, poden ser un primeiro paso en positivo para virar esta tendencia que só depende da vontade política de quen nos goberna”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies