Feijoo debuxa unha Galicia irreal no debate do estado da nación

Falou dun país sen problemas na sanidade, sen problemas estruturais e obvia toda a problemática existente.

Arrancaba o debate coa intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen fixo xirar o seu discurso sobre a súa figura e as súas políticas, en confrontación ás do goberno central, ao que calificou como “inestable e secuestrado por populistas e independentistas”. 

Para Feijoo, “Galicia, a diferenza dos concellos, autonomías e o propio goberno de España, non parou en nove anos. Galicia sempre está no centro da miña toma de decisións, e así vai seguir sendo no futuro” e subiu o ton dicindo que “Non acepto que se esqueza que Galicia é un territorio con mellores servizos públicos que en calquera outro momento da súa historia, e tamén mellores que en moitos lugares do noso entorno europeo”.

Anunciou que manterán as rebaixas de impostos, que baixarán o canon do lixo, implantarán plans sectoriais xa anunciados… puxo o foco no Xacobeo 2021 como gran proxecto de país, prometeu que Galicia será “a primeira comunidade de Europa en contar cunha lei de impulso demográfico”.

Pedro Puy referíase a Feijoo como “un presidente que cre no seu pais, un presidente reformista que quere seguir cambiando o noso país para facelo mellor”.

Pola súa banda, a oposición afeoulle ao presidente escudarse no personalismo e na confrontación con outros gobernos: 

Luis Villares (En Marea) criticou que Feijoo presentase Galicia como “unha fábula”, asegurando ao inicio da súa intervención que “ninguén merece morrer agardando nun centro de saúde. Galicia non é unha empresa nin os galegos somos mercadurías”, recriminándolle ao presidente que “por aforrar 300 euros perdeu unha vida humana. Non nos merecemos un goberno que provoca éxodos, implosión demográfica ou suicidios” para logo recriminarlle que “nin vostede nin ninguén ten dereito a amargarnos a vida”. Constataba, en declaracións aos medios, que “Feijoo falou de números para evitar falar dos problemas da xente”. Reivindicou, ao longo da súa intervención, o carácter nacional de Galicia e ofreceu un pacto por unha mínima xustiza social e a igualdade de oportunidades.   

Para Xoaquín Fernánez Leiceaga (PSdeG-PSOE), “a parálise do goberno de Feijoo queda ilustrada nos seus proxectos: cero presentados este ano e un o ano pasado: a Lei de benestar animal”. Na súa intervención, propuxo un “impulso socialdemócrata, que aproveite o compromiso co autogoberno de Sánchez”, criticando que Feijoo “prefira a confrontación con Pedro Sánchez á man tendida do goberno central”.

Ana Pontón (BNG) calificou ao presidente como “profeta da posverdade”, reprochándolle cántos profesores e sanitarios vai despedir pola baixada de impostos que prometeu e afeándolle que queira “tapar con propaganda os seus fracasos”. A líder do BNG instou ao presidente a promover unha “axenda galega” no estado, cun “paquete ambicioso de transferencias, en vez de teimar na política rexionalista de terceira división”. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies