Imaxe: Twitter En Marea

En Marea anuncia primarias para as eleccións mentres Podemos, EU e Anova se desmarcan e apostan pola coalición

O Consello das Mareas acordaba este sábado lanzar a convocatoria das eleccións primarias para as xerais e as europeas, cun calendario que prevé celebrar as votacións entre o 8 e o 10 de marzo, mentres Podemos, Esquerda Unida e Anova apostan por reeditar a fórmula da coalición.

Segundo afirmou Luís Villares en rolda de prensa tralo Consello das Mareas, “repetir o modelo de coalición suporía un erro do que aprender, entre outros aspectos porque imposibilita obter grupo parlamentar propio”, enfatizando que se rexeita esa fórmula tamén porque “é unha volta atrás porque impide participar a persoas como as que estamos nesta mesa (en referencia a Ana Seijas, vicevoceira da formación e a el mesmo), por non pertencer a ningunha formación política”. O voceiro recalcou que “En Marea naceu para superar os partidos e establecer un espazo de unidade, de adscrición individual, con independencia da militancia dos seus membros noutras formacións partidarias, pois a unidade fana as persoas, non os partidos, polo que todo o mundo pode candidatarse aínda que xa se candidatase noutras formacións”.   

Coalición entre Podemos, Esquerda Unida e Anova

As tres formacións anunciaban, a través de cadanseu comunicado, o inicio inmediato de contactos a tres bandas para reeditar a coalición, desmarcándose de En Marea.  

Podemos apelaba ao “traballo feito nas Cortes durante estes anos para xustificar a necesidade de reeditar a fórmula para continuar e reforzar o traballo que traslada a voz e as demandas galegas ao Congreso e ao Senado”.

Para Esquerda Unida, “regresar ao modelo de 2015 inspirado en AGE e as mareas municipais é sinónimo de recuperar a unidade popular” e apostan por “ser quen de darlle contido ás expresións de pluralidade, proposta alternativa e capacidade política”.   

Anova tamén aposta polo “diálogo político coa aliados cos que vimos compartindo espazo, xunto con axentes cidadáns e sociais, para definir a alternativa coa que concorrer aos vindeiros comicios estatais”, vendo necesario “sumar forzas para frear a deriva autoritaria impulsada polas forzas políticas ultraconservadoras”.   

En Marea propón unha plataforma progresista galega para o Senado

O Consello das Mareas, partindo dun escenario pluripartidistas, acordou ofrecer “ás forzas progresistas galegas a posta en marcha dunha plataforma conxunta para concorrer nas listas do Senado, poñendo en común todo o que nos une co fin de artellar unha opción maioritaria”.   

Villares salientou que “a Cámara Alta, composta baixo o modelo de listas abertas, favorece de maneira esaxerada aos partidos maioritarios, por iso queremos ofrecer ao resto das forzas progresistas galegas unha plataforma para concorrer xuntos e cambiar o que ata agora foi un dominio do PP”, argumentando tamén que “se pensamos que Galicia está pola igualdade, polos dereitos fundamentais e pola defensa do autogoberno, e tendo en conta que o sistema electoral do Senado penaliza as minorías e favorece as maiorías, estamos en condicións de afirmar que unha plataforma como esta conseguirá unha representación maioritaria mediante unha fórmula que na actualidade tamén teñen sobre a mesa, por exemplo, as forzas da esquerda na Comunitat Valenciana e que tamén foi ensaiada no pasado en Catalunya”.    

Na actualidade, dos 16 escanos electos que corresponden a Galicia no Senado, 12 son ocupados por representantes do PP, 3 do PSOE e 1 de En Marea.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies