Imaxe: Twitter InterVegas

InterVegas impulsa unha Proposición de Lei para promover a protección e dinamización dos solos fértiles

Representantes dos diferentes colectivos e institucións que conforman a Rede Estatal InterVegas, plataforma na que a única organización de Galicia presente é o Sindicato Labrego Galego, rexistraron unha Proposición de Lei que permita a protección dos solos fértiles.

A Proposición de Lei que promove InterVegas, tal e como explican a través dun comunicado, “ten como obxectivo a protección dos Solos de Alto Valor Agrolóxico e doutros Solos de Interese Agraria polas súas importantes funcións ambientais, produtivas e histórico-culturais, a súa decisiva contribución á seguridade e soberanía alimentarias, a loita contra o cambio climático e a xestión sostible do territorio”. Para elo, entre outras medidas, contemplan “a figura dos Parques Agrarios como instrumento para a xestión e protección dos solos fértiles”.

InterVegas promove esta Proposición de Lei co obxectivo de que a agricultura “poida desenvolverse coa garantía de permanencia en todos os territorios, dende os periurbanos aos fondamente rurais, asegurando desta maneira unha produción ancorada no territorio, próxima ou de cercanía, que permita que as poboacións, tanto urbanas como rurais, poidan fornecerse de produtos hortofroiteiros frescos, de calidade, e asociados ás dietas mediterránea e locais, reducindo os custes de transporte e as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas aos alimentos que percorreron grandes distancias antes de chegar á nosa mesa”.  

Os solos fértiles, aseguran, “son claves para impulsar políticas agroalimentarias locais, e para favorecer a creación de emprego e riqueza, o auxe da economía local e o necesario mantemento das paisaxes da agricultura, onde poden desenvolverse actividades educativas e de goce do aire libre”.   

Dende InterVegas explican que “a pesares destas razóns, non existe en España unha norma específica de carácter básico que tutele os valores dos solos fértiles e que fomente a súa restauración e mellora en caso de perda, contaminación ou erosión, polo que coa aprobación dunha lei estatal daríase protección ás paisaxes agrícolas fronte aos procesos especulativos, conseguiríase o recoñecemento do importante labor da agricultura e daríaselle pulo ás políticas orientadas a acadar unha alimentación saudable e de proximidade”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies