Imaxe: https://galiza.podemos.info/

Podemos abandoa a confluencia en Galicia

Esquerda Unida segue a estela marcada por Antón Gómez-Reino e constituirán unha coalición que racha coa unidade popular.

Antón Gómez-Reino consegue saírse coa súa e romper a unidade popular e a confluencia en Galicia.

Este venres rematou o prazo para a inscrición de coalicións diante da xunta electoral. Durante a tarde de onte Podemos e Esquerda Unida rexistraron a súa baixo o nome “En Común – Unidas Podemos” un nome que está a xerar algo de malestar entre algunhas candidaturas municipais que utilizan o apelido “en común” e que pensan que pode xerar confusión a respecto a un apoio que en ningún momento deron nin queren dar á nova coalición de Podemos e Esquerda Unida.

O prazo para a presentación das listas remata o próximo 25 de marzo e aínda non están pechadas pero todo parece indicar que Antón Gómez-Reino, que cargou duramente contra o partido instrumental despois de ser elixido secretario xeral de Podemos en Galicia, encabezará a lista da coalición por Coruña. Isto fará que Yolanda Díaz se quede sen opción de repetir escano se acude como número dous por esa provincia polo que, o máis probable é que ocupe o número 1 por Pontevedra a pesar de vivir e desenvolver a súa carreira política en Ferrol. Deste xeito a coalición pensa que a ex coordinadora de Esquerda Unida contaría con máis posibilidades de ser elixida.

En Ourense, a cabeza de lista sería a militante de Podemos, Ledicia Piñeiro, a concelleira que hai uns meses dimitira como edil no Concello de Ourense por motivos laborais tras aducir que “as obrigas do meu traballo fan que agora teña que adicarme ao cento por cento” e que iso lle impedía dispoñer do tempo necesario para a súa actividade política.

En Lugo, o cabeza de lista sería o gañador das primarias de Podemos, José Manuel Pérez Afonso (Josito) que se presentara como terceira vía ás primarias de Podemos nas que competiron Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino e que posteriormente retirara a súa candidatura para integrarse na do actual secretario xeral. Pérez Afonso ocuparía así o posto que deixaría libre Miguel Anxo Fernán-Vello tras a negativa de Anova a participar na coalición.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies