O SLG denuncia o escurantismo da Xunta na crise da couza guatemalteca

O SLG demanda de Medio Rural xuntanzas informativas en todas as comarcas afectadas pola couza guatemalteca.

Henrique Outes, vicerresponsable do Sector de Horta, Frota e Flor do Sindicato Labrego Galego rexistrou un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural no que se denuncia o “escurantismo da Consellería á hora de tratar a crise da couza guatemalteca”.

Refiren que “as familias que cultivan pataca nas zonas afectadas só están accedendo á información sobre a xestión desta praga a través dos medios de comunicación que, en ocasións, publican datos contraditorios que non fan máis que xerar unha maior confusión, realizando un labor informativo necesario pero que debería corresponder, en primeiro termo, á propia Xunta”.

O sector produtor das zonas en corentena está recibindo con optimismo as novas de que “os controis da couza guatemalteca están a funcionar de cara a erradicar a praga” inferindo que, polo tanto, pronto poderán volver cultivar patacas con normalidade, sen embargo, fontes da propia Consellería de Medio Rural consultadas polo SLG afirman que “é moi improbable que se erradique a praga e que o criterio para levantar as prohibicións é o de deixar pasar dous anos sen cultivar dende a captura do último exemplar de Tecia solanivora”. Dende o SLG advirten que, “tendo en conta que en 2018 seguíronse atopando exemplares de couza guatemalteca en todas as zonas afectadas, a prohibición de plantar vai para longo”, pero o sector produtor non ten ningunha declaración nin dato oficial de Medio Rural ao respecto, polo que non o saben.  

Dende o SLG demandan da Consellería de Medio Rural “a convocatoria urxente de xuntanzas de carácter informativo en todas as comarcas afectadas e a publicación de informes nos que se faciliten todos os datos existentes en cuestións como as medidas adoptadas, os avances na loita por erradicar a couza guatemalteca, a estimación dos prazos nos que se manterá a praga en cada comarca, etc”. Insisten tamén na necesidade de que na comisión de seguemento desta crise haxa representación do sector produtor.      

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies