Imaxe: http://compostelaaberta.org/

O Concello de Santiago senta no banquillo aos Franco nun xuízo pola recuperación da memoria e a dignidade

O Concello de Santiago reclámalle á familia Franco as estatuas de Abraham e Isaac, que se atopaban no Pórtico da Gloria da catedral, pasaron ao concello e acabaron no Pazo de Meirás.

O Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid acollerá o proceso iniciado polo Concello de Santiago para reclamar as estatuas de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria, adquiridas polo goberno municipal en 1948 e das que se apropiou o matrimonio Franco fai máis de seis décadas.

O 20 de novembro de 2017, o Concello acordaba denunciar á filla, Carmen Franco y Polo, para recuperar esas dúas pezas patrimoniais do Mestre Mateo, alegando que non hai documentación que acredite esa adquisición e aportando os informes que avalan a venta ao consistorio. Martiño Noriega, o alcalde de Santiago asegurou, polo xuízo de hoxe que “é o primeiro xuízo que se celebra contra o expolio patrimonial da familia Franco por parte da institución”.

Na denuncia presentada, os representantes municipais destacan que estas esculturas “son bens de dominio público, e como tal, son inalienables, imprescriptibles e inembargables e están fóra do comercio”.

Durante este proceso xudicial, a familia Franco reivindicou que este patrimonio “adquiriuno un familiar nun anticuario”, ao que o alcalde de Santiago replica que non é certo, e que “o valor actual destas pezas é incalculable”. Considera Noriega que se finalmente a maxistrada lles da a razón, “xeraríase un precedente para o resto de pezas expoliadas pola familia Franco”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies