Imaxe: Twitter Miguel Tellado

Feijoo aberto a un posible pacto con Vox en Galicia

Feijoo respalda o pacto do PP e Ciudadanos con Vox en Andalucía, non cre que teñan custe electoral os acordos coa ultradereita e non descarta pactar con Vox en Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, amosouse tranquilo e apoiou o pacto asinado entre PP e Vox para que Juan Manuel Moreno goberne en Andalucía e defende que os populares, con este acordo, o PP non da “nin un paso atrás” en materia de violencia de xénero, pois “esta cuestión non se tocou”.

Sobre se ese mesmo pacto se podería dar en Galicia, Feijoo apelou a “ir vendo partido a partido” e descartou que pactar coa ultradereita teña custes electorais para o PP, asegurando que os populares non renegaron “de ningún dos seus principios programáticos”. 

No mesmo sentido se pronunciaba Elena Muñoz, presidenta do PP de Vigo, asegurando que esperará a coñecer os resultados das eleccións municipais para prantexarse un hipotético pacto coa formación de extrema dereita no caso de precisar o seu apoio para gobernar a cidade, pois “estas decisións tómanse unha vez se produzan as eleccións e pensando no ben dos vigueses”.

Alfonso Rueda, pola súa banda, aseguraba que “se fose necesario conformar maiorías, o PP tentaría falar con todo o mundo, pero non aceptarían calquera cousa con tal de gobernar”.

Duras críticas por parte de En Marea

O voceiro de En Marea, Luís Villares, cualificou como “tridente da reacción” o pacto entre PP, Ciudadanos e Vox, asegurando que é un acordo que “escandaliza a Europa”, convertendo ao PP “no primeiro partido que se dicía democrático que pacta coa extrema dereita”.   

Segundo indicou nun almorzo informativo, Vox defende ideas que son “portadoras de valores non democráticos como a loita contra a inmigración e contra as políticas públicas para combater a violencia machista”, e recalcou que “unha cousa é a dialéctica da esquerda e  dereita e outra a da democracia e a non democracia”.

Para Villares, as palabras de Rueda “desautorizan” ás pronunciadas polo presidente da Xunta, a quen insta a clarificar se comparte con Vox o discurso de que as competencias autonómicas deben ser devoltas ao estado central, “renunciando ao autogoberno” o cal, enfatizou “ preocúpame como galego”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies