Condenan a unha compañía viguesa por acoso laboral a unha empregada embarazada
O Tribunal Supremo ven de confirmar a sanción administrativa de 20.000 euros imposta a Termocalor por acoso laboral a unha empregada embarazada.
O Tribunal Supremo ven de confirmar a multa imposta pola Inspección de Traballo a Termocalor, compañía viguesa de calefacción, climatización e enerxías renovables, polo acoso laboral ao que foi sometida unha traballadora a raíz de anunciar que estaba embarazada.
Dende a CIG lembran que son moitas as mulleres que teñen que padecer situacións similares cando deciden ser nais e salientan que “neste caso logrouse unha resolución histórica pola valentía da afectada, a pericia das inspectoras de traballo e a colaboración dos seus compañeiros e compañeiras na empresa”.
Coa súa decisión, sinalan, “o TS recoñece a veracidade dun acoso laboral por razón de xénero entre os anos 2008 a 2010, situación que continúa hoxe en día”.
Refire a afectada que o acoso “iniciouse xa co primeiro embarazo, pero agravouse dous anos despois, cando decide ser nai por segunda vez e optan por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución a xornada partida”.
Mercedes Domínguez, secretaria de organización da CIG-Industria, explicou que “son moitas as mulleres que pasan polos locais da central para trasladar problemáticas similares, pero son poucas as que chegan á asesoría xurídica para presentar unha denuncia”, salientando que “para lograr unha sentenza deste tipo precísase dunha muller que arrisque a súa saúde para defender a súa dignidade, unha muller á que hoxe tanto a CIG como o resto das mulleres temos que recoñecer e estarlle moi agradecidas”.
Dominguez denunciou que “naquela altura a Inspección de Traballo tiña unha unidade especializada no acoso por razón de xénero, que na actualidade xa non existe” e incidiu en que “o que lle sucede a esta traballadora amosa que xornadas de loita como a do 8 de marzo son cada vez máis importantes, e a participación de todas e todos faise imprescindible para esixir nas rúas e nos centros de traballo unhas condicións laborais en igualdade de oportunidades e a fin da discriminación, do acoso, das agresións, en definitiva, de todo tipo de violencias contra as mulleres polo feito de sermos mulleres ou nais”.
‼️[VÍDEO]‼️ Condenan a unha compañía viguesa por #acosolaboral a unha empregada embarazada. O Supremo confirmou a sanción de 20.000 euros a #Termocalor. ACCEDE AO VÍDEO NO QUE AFECTADA CONTA O SEU CASO: https://t.co/yFZsoT3bdO #DiscriminaciónLaboral #Machismo #Muller #Feminismo pic.twitter.com/0Z0aQB0D7z
— CIG (@galizaCIG) January 30, 2019